Besteiro esixe unha solución clara e inmediata a Rajoy e Feijóo que garanta o futuro de Alcoa
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu este xoves aos Gobernos de Rajoy e Feijóo unha solución clara e inmediata que garanta un marco estable da enerxía e a un prezo competitivo. Non podemos vivir na agonía permanente de que unha poxa eléctrica determine se un proxecto empresarial como o de Alcoa desaparece, subliñou Besteiro tras o encontro que mantivo esta mañá co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, e os representantes da CEL Jesús Quintá e Miguel Varela, cos que compartiu a súa gran preocupación pola situación da factoría Alcoa.
É inconcebible que a enerxía sexa máis cara en España que no resto de Europa. Así non se pode competir. As empresas deben ter unha previsión de canto lles vai supoñer a súa factura eléctrica nos próximos anos, senón non poden tomar decisións de investimentos, asegurou o Presidente, quen recalcou que, se os custes enerxéticos seguen subindo permanentemente, todos os esforzos que se fagan pola parte dos traballadores non servirán de nada. Besteiro enmarcou o contacto dos presidentes de Galicia e Asturias sobre Alcoa na normalidade. Iso é o que debe facer un bo presidente dunha comunidade autónoma, poñerse en contacto co presidente doutra autonomía, engadiu en referencia a Feijóo, que, segundo recalcou Besteiro, debe influír no seu partido para que estas solucións se produzan. Eu vou traballar para conseguilo, pero quen ten que dar solucións é o partido que goberna, indicou.
Problema demográfico
Ademais da situación de Alcoa e do conflito enerxético, Besteiro abordou cos representantes dos empresarios outras cuestións que preocupan e ocupan na provincia, e non son alleas ao resto de Galicia, como o problema demográfico, que cada vez se percibe máis en máis territorios galegos. Cada vez temos menos poboación e máis envellecida, o que deriva no abandono do territorio, que non se poña a producir, afirmou o Presidente. Trátase dunha inquietude compartida polos empresarios, algo bo porque gran parte da solución pasa porque todo o mundo estea sensibilizado de que realmente estamos ante un problema, sinalou.
O Presidente tamén tratou cos empresarios a necesidade de que os esforzos que fixemos todos os galegos e españois para reestruturar a banca se traduza en que os préstamos cheguen aos empresarios en boas condicións, e poidan deste xeito saír da situación agónica na que se atopan en moitos casos, nos que o problema é a liquidez, non a solvencia. Esa é a única forma de crear emprego, xunto cunha boa situación dos custes laborais e enerxéticos, subliñou.