Deputación de Lugo

Besteiro esixe unha “solución clara e inmediata” a Rajoy e Feijóo que garanta o futuro de Alcoa

Imaxe deputación de lugo
- “Non podemos vivir na agonía permanente de que unha poxa eléctrica determine se un proxecto empresarial desaparece. O Goberno debe garantir prezos da enerxía estables e competitivos”, subliñou o Presidente, quen se reuniu hoxe con representantes empresariais    - “Os esforzos que fixemos todos os galegos e españois para reestruturar a banca debe traducirse en que os préstamos cheguen ás empresas en boas condicións, e poidan así ter liquidez e crear emprego”, asegurou Gómez Besteiro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu este xoves aos Gobernos de Rajoy e Feijóo “unha solución clara e inmediata” que garanta “un marco estable da enerxía e a un prezo competitivo”. “Non podemos vivir na agonía permanente de que unha poxa eléctrica determine se un proxecto empresarial como o de Alcoa desaparece”, subliñou Besteiro tras o encontro que mantivo esta mañá co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, e os representantes da CEL Jesús Quintá e Miguel Varela, cos que compartiu a súa “gran preocupación” pola situación da factoría Alcoa.
“É inconcebible que a enerxía sexa máis cara en España que no resto de Europa. Así non se pode competir. As empresas deben ter unha previsión de canto lles vai supoñer a súa factura eléctrica nos próximos anos, senón non poden tomar decisións de investimentos”, asegurou o Presidente, quen recalcou que, “se os custes enerxéticos seguen subindo permanentemente, todos os esforzos que se fagan pola parte dos traballadores non servirán de nada”. Besteiro enmarcou o contacto dos presidentes de Galicia e Asturias sobre Alcoa na “normalidade”. “Iso é o que debe facer un bo presidente dunha comunidade autónoma, poñerse en contacto co presidente doutra autonomía”, engadiu en referencia a Feijóo, que, segundo recalcou Besteiro, “debe influír no seu partido para que estas solucións se produzan”. “Eu vou traballar para conseguilo, pero quen ten que dar solucións é o partido que goberna”, indicou.

Problema demográfico
Ademais da situación de Alcoa e do “conflito enerxético”, Besteiro abordou cos representantes dos empresarios outras “cuestións que preocupan e ocupan na provincia, e non son alleas ao resto de Galicia”, como o problema demográfico, “que cada vez se percibe máis en máis territorios galegos”. “Cada vez temos menos poboación e máis envellecida, o que deriva no abandono do territorio, que non se poña a producir”, afirmou o Presidente. Trátase dunha inquietude “compartida polos empresarios, algo bo porque gran parte da solución pasa porque todo o mundo estea sensibilizado de que realmente estamos ante un problema”, sinalou.
O Presidente tamén tratou cos empresarios a necesidade de que “os esforzos que fixemos todos os galegos e españois para reestruturar a banca se traduza en que os préstamos cheguen aos empresarios en boas condicións, e poidan deste xeito saír da situación agónica na que se atopan en moitos casos, nos que o problema é a liquidez, non a solvencia”. “Esa é a única forma de crear emprego, xunto cunha boa situación dos custes laborais e enerxéticos”, subliñou.