Deputación de Lugo

CANDIA TRASLADOU O APOIO DA DEPUTACIÓN AO CAMPIÓN LUCENSE DE MOTOCROSS, JORGE PRADO

A presidenta da institución provincial felicitou por videoconferencia ao mozo de 14 anos ao que lle fixo chegar o seu “orgullo de que un lucense estea no máis alto desta competición” e lle agradeceu que “leve o nome da provincia por Europa e aos medios de comunicación” A disposición de colaboración da administración provincial con Jorge Prado é “firme” e convidouno a unha visita ao edificio institucional para coñecer as súas necesidades e a maiores trasladoulle “moito ánimo” e desexoulle “os maiores éxitos”

Lugo, 04 de setembro de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, trasladou hoxe o apoio da institución provincial ao campión lucense de motocross, Jorge Prado. Fíxoo a través dunha conversación mantida por videoconferencia xa que o mozo de 14 anos reside en Bélxica debido aos seus compromisos profesionais.
Candia felicitou a Jorge Prado polo excelente resultado acado, que o converte en campión europeo de motocross. “Con humildade traballaches para conseguilo, para sacar adiante a túa afección. Non foi un camiño fácil e iso faite moito máis merecedor do noso orgullo”.
A presidenta da institución deulle as gracias por levar o nome da provincia “polo mundo, por situala nas portadas dos medios de comunicación deportivos e por poder referenciarnos cun campión do mundo do motor”.  Así, dende a Deputación “tendémosche unha man como ti o estás a facer con Lugo. A nosa disposición para axudarche é clara e firme”.
Por último, Candia prognosticoulle “moitos éxitos”, trasladoulle de novo “moito ánimo” e as felicitacións dende a Deputación e de todos os lucenses.