O artista lucense Christian Villamide doa unha das súas obras ao Museo Provincial
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto e Christian Villamide asinaron este mércores un convenio para a cesión da peza Ilustración (Tratado I) deste artista lucense ao Museo Provincial de Lugo. A doazón, perpetua e gratuíta, complementa as diferentes creacións que están expostas no exterior do museo.
García Porto destacou a xenerosidade do autor por doar a súa obra o Museo Provincial e subliñou que esta sinatura representa unha das apostas da Deputación que contribúe ao impulso do traballo dos artistas lucenses a través da Rede Museística.
A creación de Christian Villamide está composta por tres pezas (árbores, libros e torniquetes) feitas con madeira e ferro. Segundo o autor, as árbores representan a paisaxe, os libros o coñecemento e os torniquetes o avance industrial, necesario e indispensable pero que moitas veces imponse pola forza sobre o entorno e o saber apuntou Villamide.
Ilustración (Tratado I) é unha das pezas que conforman A paisaxe contra a parede, a obra de Villamide que está exposta na Sala de Exhibicións do Museo Provincial de Lugo ata o 31 deste mes. A mostra é totalmente gratuíta para o público, e nela obsérvase unha crítica ao problema do impacto do home na natureza.
A exposición poderase desfrutar esta última semana de luns a venres, de 9:00 a 21:00 horas; o sábado de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas; e o domingo de 11:00 a 14:00 horas.