Deputación de Lugo

O artista lucense Christian Villamide doa unha das súas obras ao Museo Provincial

- A Deputada de Cutura e o artista lucense asinaron a cesión gratuíta de “Ilustración (Tratado I),  que se sitúa nos xardíns do Museo Provincial - García Porto subliñou que “esta sinatura representa unha das apostas da Deputación que contribúe ao impulso do traballo dos artistas lucenses a través da Rede Museística” - “Ilustración (Tratado I)” é unha das pezas que conforman “A paisaxe contra a parede”, a obra de Villamide que está exposta na Sala de Exhibicións do Museo Provincial de Lugo ata o 31 deste mes

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto e Christian Villamide asinaron este mércores un convenio para a cesión da peza “Ilustración (Tratado I)” deste artista lucense ao Museo Provincial de Lugo. A doazón, perpetua e gratuíta, complementa as diferentes creacións que están expostas no exterior do museo.

García Porto destacou a xenerosidade do autor por doar a súa obra o Museo Provincial e subliñou que “esta sinatura representa unha das apostas da Deputación que contribúe ao impulso do traballo dos artistas lucenses a través da Rede Museística”.

A creación de Christian Villamide está composta por tres pezas (árbores, libros e torniquetes) feitas con madeira e ferro. Segundo o autor, as árbores representan a paisaxe, os libros o coñecemento e os torniquetes o avance industrial, “necesario e indispensable pero que moitas veces imponse pola forza sobre o entorno e o saber” apuntou Villamide.

“Ilustración (Tratado I)” é unha das pezas que conforman “A paisaxe contra a parede”, a obra de Villamide que está exposta na Sala de Exhibicións do Museo Provincial de Lugo ata o 31 deste mes.  A mostra é totalmente gratuíta para o público, e nela obsérvase unha crítica ao problema do impacto do home na natureza.

A exposición poderase desfrutar esta última semana de luns a venres, de 9:00 a 21:00 horas; o sábado de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas; e o domingo de 11:00 a 14:00 horas.