O Presidente da Deputación anuncia no Parlamento a sinatura este venres do Plan Estratéxico da Provincia
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_2874_1.jpg)
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunicou esta tarde no Parlamento de Galicia que o venres desta semana se asinará, nun acto público, a elaboración do Plan Estratéxico da Provincia no que estarán implicados diferentes entidades e sectores de Lugo. O Presidente dixo que este Plan será a folla de ruta desta Deputación para os vindeiros anos, independentemente da cor política dos seus gobernantes. Marcamos así un antes e un despois no modo de entender o desenvolvemento da provincia. Nós apostamos por sumar esforzos, afirmou Gómez Besteiro. O titular da Deputación que compareceu esta tarde ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento, sinalou que as Deputacións están chamadas a representar un papel decisivo no desenvolvemento de Galicia, especialmente no eixo interior, onde os concellos teñen unha maior dispersión e unha menor densidade de poboación. Para acadar o desenvolvemento da Galicia Interior dixo que tamén será fundamental o Plan de Reequilibrio Territorial que prevé un investimento superior ós 800 millóns para Lugo e que terá o seu reflexo na xestión que vai desenvolver nos vindeiros meses o goberno provincial. Ésta foi a primeira ocasión na que un Presidente da Deputación lucense interviu ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia. José Ramón Gómez Besteiro subliñou que esta comparecencia enmárcase na nova política de colaboración con outras administracións e institucións poñendo fin a anos de illamento. Cualificou como positivo que o Parlamento teña un mellor coñecemento do traballo que están a a desenvolver as Deputacións galegas. Pero ó mesmo tempo defendeu o principio de autonomía das entidades provincias. Neste senso lembrou que o control das Deputacións tan só lles corresponde ós Plenos da Corporacións, e non ó Parlamento Galego O Presidente da Deputación informou ante a Comisión sobre as liñas xerais dos presupostos de 2008 que está a elaborar o actual equipo de goberno, que leva pouco máis de 100 días ó fronte da institución. O mandatario provincial avanzou que o eixo vertebrador dos orzamentos será a Cooperación cos Concellos, e que se dará prioridade absoluta á xestión municipal porque é a nosa obriga dotar ós Concellos de capacidades para prestar os seus servizos. O Presidente Provincial asegurou que a coordinación coa Xunta será fundamental para cuestións como a transferencia dos hospitais provinciais, os parques de bombeiros ou a racionalización do mapa da rede provincial. Descargar discurso Presidente Deputación