Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación anuncia no Parlamento a sinatura este venres do Plan Estratéxico da Provincia

José Ramón Gómez Besteiro reivindica na Cámara Galega o papel da Galicia interior

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunicou esta tarde no Parlamento de Galicia que o venres desta semana se asinará, nun acto público, a elaboración do Plan Estratéxico da Provincia no que estarán implicados diferentes entidades e sectores de Lugo. O Presidente dixo que este Plan será “a folla de ruta desta Deputación para os vindeiros anos, independentemente da cor política dos seus gobernantes”. “Marcamos así un antes e un despois no modo de entender o desenvolvemento da provincia. Nós apostamos por sumar esforzos”, afirmou Gómez Besteiro. O titular da Deputación que compareceu esta tarde ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento, sinalou que as Deputacións “están chamadas a representar un papel decisivo no desenvolvemento de Galicia, especialmente no eixo interior, onde os concellos teñen unha maior dispersión e unha menor densidade de poboación”. Para acadar o desenvolvemento da Galicia Interior dixo que tamén será fundamental o Plan de Reequilibrio Territorial que prevé un investimento superior ós 800 millóns para Lugo e que “terá o seu reflexo na xestión que vai desenvolver nos vindeiros meses o goberno provincial”. Ésta foi a primeira ocasión na que un Presidente da Deputación lucense interviu ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia. José Ramón Gómez Besteiro subliñou que esta comparecencia “enmárcase na nova política de colaboración con outras administracións e institucións poñendo fin a anos de illamento”. Cualificou como positivo que “o Parlamento teña un mellor coñecemento do traballo que están a a desenvolver as Deputacións galegas”. Pero ó mesmo tempo defendeu “o principio de autonomía das entidades provincias”. Neste senso lembrou que o control das Deputacións tan só lles corresponde ós Plenos da Corporacións, e non ó Parlamento Galego O Presidente da Deputación informou ante a Comisión sobre as liñas xerais dos presupostos de 2008 que está a elaborar o actual equipo de goberno, que leva pouco máis de 100 días ó fronte da institución. O mandatario provincial avanzou que o eixo vertebrador dos orzamentos será a Cooperación cos Concellos, e que se dará “prioridade absoluta á xestión municipal porque é a nosa obriga dotar ós Concellos de capacidades para prestar os seus servizos”. O Presidente Provincial asegurou que a coordinación coa Xunta será fundamental para cuestións como a transferencia dos hospitais provinciais, os parques de bombeiros ou a racionalización do mapa da rede provincial. Descargar discurso Presidente Deputación