Deputación de Lugo

Éxito do programa Lugoteando co que a Deputación levou á Montaña actividades nunca antes vistas nesta zona

O sábado en Becerreá e o domingo na Fonsagrada, a iniciativa ofreceu innovadoras propostas como paseos en “segway”, circuítos en monopatín e ata un simulador de surf, nas que participaron preto de 170 rapaces Trala Montaña, Lugoteando continuará esta semana no río Miño e, por primeira vez, na Mariña, lugares nos que se incorporarán novidades como a práctica de kite surf

Preto de 170 rapaces participaron no programa de actividades lúdico medioambientais Lugoteando impulsado pola Deputación de Lugo e que arrancou esta fin de semana na comarca da Montaña: o sábado en Becerreá e, o domingo, na Fonsagrada. Deste xeito, nenos de entre 7 e 11 anos, pero tamén maiores, tiveron unha oportunidade única durante estes dous días de disfrutar de entretidas e innovadoras propostas nunca antes vistas nestes municipios. Tal e así que foron moitos pais e nais os que non quixeron desaproveitar a ocasión para participar.

Deste xeito e malia que a actividade que máis seguidores obtivo foi a dos paseos en “segway” -vehículo de transporte persoal con dúas rodas e motor eléctrico no que hai que inclinarse á dirección que se queira tomar para avanzar-, os becerrenses e os fonsagradinos participaron activamente nas modalidades “longboard street” -circuítos en monopatín con monitores para ensinar como se usan-, simulador de surf -mestura entre xogo e deporte que funciona como un toro mecánico, pero con táboa de surf-, así como nos circuítos en patíns eléctricos. Precisamente, esta última foi acollida con moita satisfacción polos rapaces de menor idade.

En Becerreá, as actividades, que reuniron a 130 persoas, tiveron lugar no recinto do mercado gandeiro, mentres que as da Fonsagrada, estaban previstas na Praza do Museo, pero o mal tempo obrigou á organización a trasladar a montaxe ó polideportivo municipal. Neste caso, a participación foi de preto de 40 rapaces.

No río Miño e na Mariña

Trala Montaña, a programación de Lugoteando, en cuxa organización colabora o Concello de Lugo, continuará no contorno do río Miño, na capital lucense, os días 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de maio e o 4 e 5 de xuño. Nesta segunda edición e como novidade tamén haberá actividades na Costa, que terán lugar os días 11 e 12 de xuño en Foz; 18 e 19 en Burela, e 25 e 26 en Ribadeo. Celebraranse en quendas en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

En Lugo e A Mariña, mantense a oferta que tivo maior aceptación o ano pasado: bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; os sea-scooter para mergullarse como golfiños; rutas pola ribeira dirixidas por expertos en bioloxía; xogos infantís acuáticos; paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf; e wakeboard, combinación entre esquí acuático e snowboard que consiste en manter o equilibrio sobre unha táboa.

A todas elas, incorpóranse novidades como a práctica de kite surf, unha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos na provincia e que incorpora cometas; paseos en batuxo –antigas barcas de madeira hoxe moi difíciles de ver- e circuítos por terra en monopatíns eléctricos.

Paseos en catamarán e batuxo

O programa inclúe de novo a modalidade Ligoteando, que ten como escenario o río Miño, pero esta vez oferta tres novas versións, que comezarán ás 20:00 horas:

- Paseos Chill Out: travesía en catamarán amenizada por un Dj con música chill out, pinchos e degustación dun cóctel elaborado con produtos autóctonos da provincia. Días: 13 e 27 de maio, e 4 de xuño.

- Noites Máxicas: paseo en catamarán cun espectáculo de ilusionismo e maxia, máis degustación de pinchos. Días: 14 e 21 de maio.

- Paseos Románticos en batuxo: experiencia de 30 minutos nun batuxo tradicional no que a parella gozará dun paseo polo Miño, conducida por un remeiro, e degustará un cóctel de produtos autóctonos. Días: 20 e 28 de maio.

Para inscribirse

A inscrición en Lugoteando pode facerse chamando ós números de teléfono 982.12.00.64 e 609.90.32.11, ou ben in situ, antes de que comece cada actividade –o que non asegura que haxa prazas libres-. Para máis información, os interesados poden dirixirse ás web: www.deputacionlugo.org ou www.lugo.es ou chamar ó teléfono de información municipal 010 do Concello de Lugo.