Éxito do programa Lugoteando co que a Deputación levou á Montaña actividades nunca antes vistas nesta zona
Preto de 170 rapaces participaron no programa de actividades lúdico medioambientais Lugoteando impulsado pola Deputación de Lugo e que arrancou esta fin de semana na comarca da Montaña: o sábado en Becerreá e, o domingo, na Fonsagrada. Deste xeito, nenos de entre 7 e 11 anos, pero tamén maiores, tiveron unha oportunidade única durante estes dous días de disfrutar de entretidas e innovadoras propostas nunca antes vistas nestes municipios. Tal e así que foron moitos pais e nais os que non quixeron desaproveitar a ocasión para participar.
Deste xeito e malia que a actividade que máis seguidores obtivo foi a dos paseos en segway -vehículo de transporte persoal con dúas rodas e motor eléctrico no que hai que inclinarse á dirección que se queira tomar para avanzar-, os becerrenses e os fonsagradinos participaron activamente nas modalidades longboard street -circuítos en monopatín con monitores para ensinar como se usan-, simulador de surf -mestura entre xogo e deporte que funciona como un toro mecánico, pero con táboa de surf-, así como nos circuítos en patíns eléctricos. Precisamente, esta última foi acollida con moita satisfacción polos rapaces de menor idade.
En Becerreá, as actividades, que reuniron a 130 persoas, tiveron lugar no recinto do mercado gandeiro, mentres que as da Fonsagrada, estaban previstas na Praza do Museo, pero o mal tempo obrigou á organización a trasladar a montaxe ó polideportivo municipal. Neste caso, a participación foi de preto de 40 rapaces.
No río Miño e na Mariña
Trala Montaña, a programación de Lugoteando, en cuxa organización colabora o Concello de Lugo, continuará no contorno do río Miño, na capital lucense, os días 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de maio e o 4 e 5 de xuño. Nesta segunda edición e como novidade tamén haberá actividades na Costa, que terán lugar os días 11 e 12 de xuño en Foz; 18 e 19 en Burela, e 25 e 26 en Ribadeo. Celebraranse en quendas en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.
En Lugo e A Mariña, mantense a oferta que tivo maior aceptación o ano pasado: bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; os sea-scooter para mergullarse como golfiños; rutas pola ribeira dirixidas por expertos en bioloxía; xogos infantís acuáticos; paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf; e wakeboard, combinación entre esquí acuático e snowboard que consiste en manter o equilibrio sobre unha táboa.
A todas elas, incorpóranse novidades como a práctica de kite surf, unha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos na provincia e que incorpora cometas; paseos en batuxo antigas barcas de madeira hoxe moi difíciles de ver- e circuítos por terra en monopatíns eléctricos.
Paseos en catamarán e batuxo
O programa inclúe de novo a modalidade Ligoteando, que ten como escenario o río Miño, pero esta vez oferta tres novas versións, que comezarán ás 20:00 horas:
- Paseos Chill Out: travesía en catamarán amenizada por un Dj con música chill out, pinchos e degustación dun cóctel elaborado con produtos autóctonos da provincia. Días: 13 e 27 de maio, e 4 de xuño.
- Noites Máxicas: paseo en catamarán cun espectáculo de ilusionismo e maxia, máis degustación de pinchos. Días: 14 e 21 de maio.
- Paseos Románticos en batuxo: experiencia de 30 minutos nun batuxo tradicional no que a parella gozará dun paseo polo Miño, conducida por un remeiro, e degustará un cóctel de produtos autóctonos. Días: 20 e 28 de maio.
Para inscribirse
A inscrición en Lugoteando pode facerse chamando ós números de teléfono 982.12.00.64 e 609.90.32.11, ou ben in situ, antes de que comece cada actividade o que non asegura que haxa prazas libres-. Para máis información, os interesados poden dirixirse ás web: www.deputacionlugo.org ou www.lugo.es ou chamar ó teléfono de información municipal 010 do Concello de Lugo.