O Concello de Castro de Rei perde, por segunda vez, 360.600 euros que xa lle adiantara a Deputación
O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou este venres que o Concello de Castro de Rei vén de perder, por segunda vez, 360.600 euros que xa lle adiantara a Deputación hai máis de un ano. É o presuposto que lle concedeu a institución luguesa a este municipio para a execución das obras de mellora na rede de abastecemento de auga nas parroquias de Quintela, Bendia, Duarría, Loentia e Ribeiras de Lea. Isto é consecuencia, subliñou Martínez, da pésima xestión do Alcalde deste municipio, Javier Balado Teijeiro, quen non foi capaz, nin tan sequera, de facer unhas actuacións para as que xa contaba con fondos, é dicir, que os tiña en caixa, e a pesares de ampliarlle o prazo da súa execución.
Este orzamento procede dun convenio que o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e o anterior Rexedor do Concello, Juan José Díaz Valiño, asinaron en abril de 2011. Con este texto, acordábase unha achega ó municipio chairego por parte da institución provincial de 500.000 euros para a realización de melloras en servizos básicos municipais dos veciños, aforrando custes ás arcas locais. Tamén se definía que o prazo de vixencia do convenio culminaba en decembro dese ano, data na que debían estar rematados os traballos. Co fin de garantir a súa execución e tendo en conta que a achega da Deputación procedía xa do seu Presuposto para 2011, o organismo lugués adiantou ó Concello os 500.000 euros.
Martínez explicou que rematado o prazo de vixencia do convenio e co presuposto do organismo provincial xa nas arcas municipais, o actual Alcalde pediu unha prórroga porque tiña sen realizar as melloras nas redes de abastecemento de varios núcleos rurais. Trátanse de actuacións dotadas de 1 millón de euros, financiadas nun 66% pola Xunta, concretamente pola departamento de Augas de Galicia, e nun 34% pola Deputación, supoñendo 360.600 euros. Perdido unha vez este orzamento xa aboado ó non realizar estes traballos en tempo e forma, a Deputación logrou ampliar o prazo, concedendo ó Concello dous meses máis para executar as obras. Todo isto, a pesares de que o organismo lugués foi alertado do acontecido en tempo límite porque o Rexedor non enviou ata finais de novembro de 2011, é dicir, poucos días antes de derogarse o convenio, a petición dunha pórroga.
Repítese a historia
O voceiro subliñou que repítese a historia. Hai tan só uns días, voltan a remitirnos un escrito, informando que están sen facer estas obras malia que o último prazo de execución rematou en febreiro, e a pesares de que está a piques de concluír tamén o período de xustificación destes traballos -que o fará mañá mesmo-. Tamén nos piden unha nova pórroga sen tan sequera concretar prazos. É máis, nin sequera sabemos se verdadeiramente reclamaron á Xunta o financiamento restante xa que no escrito apuntan textualmente que deben solicitar á Dirección de Augas de Galicia o financiamento do 66% do custes das obras.
Martínez sentenciou que a mala xestión do Alcalde de Castro de Rei fixo que os veciños deste Concello perdesen, por segunda vez, 360.600 euros para a mellora de servizos básicos. Balado non foi capaz de xestionar un convenio que xa lle deixara o Alcalde anterior e co que se atopou ó chegar ó Concello. Non foi capaz, nin tan sequera, de executar unhas obras para as que xa tiña fondos porque llos anticipou a Deputación e a pesares de concederlle unha prórroga. En tan só un ano que leva no Goberno municipal, o Alcalde non só perdeu este importante investimento de 1 millón de euros, senón que non fixo nada por reanudar a actividade no Hospital de San Rafael malia que tamén dende a Deputación lles ofrecemos unha alternativa viable xunto con FUDACE.
Son vagos e malos xestores
Neste senso, o voceiro socialista remarcou que seguindo a ideoloxía de Feijóo nesta provincia a onde, mentres tenta boicotear a nosa rede de residencias públicas, non trae nin un só euro, o PP lugués nin fai nin deixa facer, demostrando que son vagos e malos xestores, deixando que se perdan oportunidades económicas únicas para a provincia. Neste senso, puxo como exemplos o tren híbrido, as obras do AVE ou a integración de Monforte na rede transeuropea de mercadorías. Ó respecto, reclamou ó Partido Popular que se poña de acordo porque mentres no Pleno votan en contra dunha proposta para que Xunta e Goberno Central doten ós lucenses destas prestacións que paralizaron, o PP deste municipio monfortino asegura que apoia estas iniciativas.