Deputación de Lugo

O Concello de Castro de Rei perde, por segunda vez, 360.600 euros que xa lle adiantara a Deputación

É o orzamento que a institución provincial aboou ó municipio hai máis de un ano para obras de mellora na rede de abastecemento de varios núcleos rurais que aínda no realizouMartínez salientou que “Balado non foi capaz, nin tan sequera, de facer unhas actuacións para as que xa contaba con fondos e a pesares de ampliarlle o prazo para a súa execución”O voceiro reclamou ó PP que “se poña de acordo” xa que mentres no Pleno Provincial votou en contra dunha proposta para garantir a integración de Monforte na rede transeuropea de mercadorías, a nivel local este grupo político asegura que apoia esta iniciativa

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou este venres que o Concello de Castro de Rei vén de perder, por segunda vez, 360.600 euros que xa lle adiantara a Deputación hai máis de un ano. É o presuposto que lle concedeu a institución luguesa a este municipio para a execución das obras de mellora na rede de abastecemento de auga nas parroquias de Quintela, Bendia, Duarría, Loentia e Ribeiras de Lea. Isto é consecuencia, subliñou Martínez, “da pésima xestión” do Alcalde deste municipio, Javier Balado Teijeiro, quen “non foi capaz, nin tan sequera, de facer unhas actuacións para as que xa contaba con fondos, é dicir, que os tiña en caixa, e a pesares de ampliarlle o prazo da súa execución”.

Este orzamento procede dun convenio que o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e o anterior Rexedor do Concello, Juan José Díaz Valiño, asinaron en abril de 2011. Con este texto, acordábase unha achega ó municipio chairego por parte da institución provincial de 500.000 euros para a realización de melloras en servizos básicos municipais dos veciños, aforrando custes ás arcas locais. Tamén se definía que o prazo de vixencia do convenio culminaba en decembro dese ano, data na que debían estar rematados os traballos. Co fin de garantir a súa execución e tendo en conta que a achega da Deputación procedía xa do seu Presuposto para 2011, o organismo lugués adiantou ó Concello os 500.000 euros.

Martínez explicou que rematado o prazo de vixencia do convenio e co presuposto do organismo provincial xa nas arcas municipais, o actual Alcalde pediu unha prórroga porque tiña sen realizar as melloras nas redes de abastecemento de varios núcleos rurais. Trátanse de actuacións dotadas de 1 millón de euros, financiadas nun 66% pola Xunta, concretamente pola departamento de Augas de Galicia, e nun 34% pola Deputación, supoñendo 360.600 euros. Perdido unha vez este orzamento xa aboado ó non realizar estes traballos en tempo e forma, a Deputación logrou ampliar o prazo, concedendo ó Concello dous meses máis para executar as obras. Todo isto, a pesares de que o organismo lugués foi alertado do acontecido en tempo límite porque o Rexedor non enviou ata finais de novembro de 2011, é dicir, poucos días antes de derogarse o convenio, a petición dunha pórroga.

“Repítese a historia”

O voceiro subliñou que “repítese a historia. Hai tan só uns días, voltan a remitirnos un escrito, informando que están sen facer estas obras malia que o último prazo de execución rematou en febreiro, e a pesares de que está a piques de concluír tamén o período de xustificación destes traballos -que o fará mañá mesmo-. Tamén nos piden unha nova pórroga sen tan sequera concretar prazos. É máis, nin sequera sabemos se verdadeiramente reclamaron á Xunta o financiamento restante xa que no escrito apuntan textualmente que deben solicitar á Dirección de Augas de Galicia o financiamento do 66% do custes das obras”.

Martínez sentenciou que “a mala xestión do Alcalde de Castro de Rei fixo que os veciños deste Concello perdesen, por segunda vez, 360.600 euros para a mellora de servizos básicos. Balado non foi capaz de xestionar un convenio que xa lle deixara o Alcalde anterior e co que se atopou ó chegar ó Concello. Non foi capaz, nin tan sequera, de executar unhas obras para as que xa tiña fondos porque llos anticipou a Deputación e a pesares de concederlle unha prórroga. En tan só un ano que leva no Goberno municipal, o Alcalde non só perdeu este importante investimento de 1 millón de euros, senón que non fixo nada por reanudar a actividade no Hospital de San Rafael malia que tamén dende a Deputación lles ofrecemos unha alternativa viable xunto con FUDACE”.

“Son vagos e malos xestores”

Neste senso, o voceiro socialista remarcou que “seguindo a ideoloxía de Feijóo nesta provincia a onde, mentres tenta boicotear a nosa rede de residencias públicas, non trae nin un só euro, o PP lugués nin fai nin deixa facer, demostrando que son vagos e malos xestores, deixando que se perdan oportunidades económicas únicas para a provincia”. Neste senso, puxo como exemplos o tren híbrido, as obras do AVE ou a integración de Monforte na rede transeuropea de mercadorías. Ó respecto, reclamou ó Partido Popular que “se poña de acordo porque mentres no Pleno votan en contra dunha proposta para que Xunta e Goberno Central doten ós lucenses destas prestacións que paralizaron, o PP deste municipio monfortino asegura que apoia estas iniciativas”.