A Deputación segue aumentando as bolsas de emprego para mozos, mentres Rajoy e Feijóo as desmantelan
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_7579_1.jpg)
A Deputación de Lugo seguirá aumentando neste 2013 as bolsas de emprego para mozos titulados da provincia, pois, logo de que a UE lle renovase a súa confianza, ofrecerá un novo programa de 50 becas Leonardo da Vinci, que se suman ás 70 que nestes momentos xa ten en marcha o organismo provincial no marco do mesmo programa europeo. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este martes un encontro cos beneficiarios destas 70 bolsas, previamente a unha sesión informativa á que asistiron no Salón de Actos de San Marcos co fin de coñecer como se desenvolverá a programación das becas nos países europeos de destino e resolver as súas posibles dúbidas.
Os bolseiros partirán este mes a Europa, onde se formarán nas profesións con máis futuro traballando durante tres meses en empresas especializadas. Deste xeito, o groso dos participantes nas bolsas Leonardo da Vinci da Deputación marchará a finais de xaneiro, en concreto, os que teñen como destino Belfast, Cork, Florencia, Módena, Praga, Viena e Lisboa, mentres que os que recibirán formación en Hamburgo sairán a mediados de febreiro. Trátase de mozos universitarios ou titulados en FP nos seguintes ámbitos profesionais: agricultura, silvicultura, pesca, medio ambiente, turismo, informática, ciencias da vida e audiovisuais. En canto ó lugar de procedencia, o 64% dos beneficiarios (43 persoas) son da comarca de Lugo, e os restantes, da Terra Chá (11); A Mariña (7); a Zona Sur (4); A Montaña (1) e A Ulloa (1).
Por novas oportunidades laborais
Besteiro destacou que, mentres a Deputación incrementa ano a ano as becas para os máis novos co fin de abrirlles novas oportunidades laborais, os recortes educativos de Rajoy e Feijóo estanas desmantelando, pois, ademais de endurecer os requisitos de acceso ás axudas, aplican recortes que, no caso das Erasmus, chegan ó 60%, o que pon en perigo a continuidade deste programa, todo un referente, que recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional.
Fronte ós recortes do Goberno central e a Xunta en políticas activas de emprego e formación, o organismo provincial, aínda non tendo as competencias na materia, mantén o seu compromiso con estas políticas, pois considera, tal e como destacou o Presidente, que son un instrumento fundamental para loitar contra a alarmante taxa de desemprego xuvenil. Gómez Besteiro subliñou que, en apenas un ano os menores de 25 anos sen emprego subiron un 34% en Galicia, e na actualidade preto do 50% dos mozos galegos están no paro, un panorama que demostra a ineficacia das políticas de Rajoy e Feijóo, e a necesidade urxente dun cambio de rumbo por parte das administracións que teñen as competencias en emprego: Xunta e Goberno central.
150 becas
Froito da súa aposta pola formación, a Deputación leva impulsado 150 becas: 70 becas Leonardo da Vinci; 18 becas a través do programa medioambiental Lug02; 24 de guías de Reservas da Biosfera; 30 de innovación; e 5 de artesanía. A todas elas súmanse as 50 novas bolsas Leonardo que neste 2013 se poñerán en marcha.