Deputación de Lugo

A Deputación segue aumentando as bolsas de emprego para mozos, mentres Rajoy e Feijóo as desmantelan

Fronte os recortes educativos dos Gobernos do PP, que poñen en perigo todo un referente como as becas Erasmus, o organismo provincial ofrecerá este ano 50 novas bolsas Leonardo da Vinci, que se suman ás 70 que xa ten en marcha O Presidente, que mantivo un encontro con estes 70 bolseiros en San Marcos, subliñou o compromiso da Deputación coa formación nas profesións con máis futuro, como un instrumento fundamental para loitar contra a “alarmante taxa de desemprego xuvenil” Os participantes nas becas mellorarán as súas posibilidades de inserción laboral tras facer prácticas durante tres meses en empresas de Belfast, Cork, Florencia, Módena, Praga, Viena, Lisboa e Hamburgo

A Deputación de Lugo seguirá aumentando neste 2013 as bolsas de emprego para mozos titulados da provincia, pois, logo de que a UE lle renovase a súa confianza, ofrecerá un novo programa de 50 becas Leonardo da Vinci, que se suman ás 70 que nestes momentos xa ten en marcha o organismo provincial no marco do mesmo programa europeo. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este martes un encontro cos beneficiarios destas 70 bolsas, previamente a unha sesión informativa á que asistiron no Salón de Actos de San Marcos co fin de coñecer como se desenvolverá a programación das becas nos países europeos de destino e resolver as súas posibles dúbidas.

Os bolseiros partirán este mes a Europa, onde se formarán nas profesións con máis futuro traballando durante tres meses en empresas especializadas. Deste xeito, o groso dos participantes nas bolsas Leonardo da Vinci da Deputación marchará a finais de xaneiro, en concreto, os que teñen como destino Belfast, Cork, Florencia, Módena, Praga, Viena e Lisboa, mentres que os que recibirán formación en Hamburgo sairán a mediados de febreiro. Trátase de mozos universitarios ou titulados en FP nos seguintes ámbitos profesionais: agricultura, silvicultura, pesca, medio ambiente, turismo, informática, ciencias da vida e audiovisuais. En canto ó lugar de procedencia, o 64% dos beneficiarios (43 persoas) son da comarca de Lugo, e os restantes, da Terra Chá (11); A Mariña (7); a Zona Sur (4); A Montaña (1) e A Ulloa (1).

Por novas oportunidades laborais

Besteiro destacou que, mentres a Deputación incrementa ano a ano as becas para os máis novos co fin de abrirlles novas oportunidades laborais, os recortes educativos de Rajoy e Feijóo “estanas desmantelando”, pois, ademais de endurecer os requisitos de acceso ás axudas, aplican recortes que, no caso das Erasmus, chegan ó 60%, o que pon en perigo a continuidade deste programa, todo un referente, que recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional.

Fronte ós recortes do Goberno central e a Xunta en políticas activas de emprego e formación, o organismo provincial, aínda non tendo as competencias na materia, mantén o seu compromiso con estas políticas, pois considera, tal e como destacou o Presidente, que son un instrumento fundamental para loitar contra a “alarmante taxa de desemprego xuvenil”. Gómez Besteiro subliñou que, en apenas un ano os menores de 25 anos sen emprego subiron un 34% en Galicia, e na actualidade preto do 50% dos mozos galegos están no paro, un panorama que “demostra a ineficacia das políticas de Rajoy e Feijóo, e a necesidade urxente dun cambio de rumbo por parte das administracións que teñen as competencias en emprego: Xunta e Goberno central”.

150 becas

Froito da súa aposta pola formación, a Deputación leva impulsado 150 becas: 70 becas Leonardo da Vinci; 18 becas a través do programa medioambiental Lug02; 24 de guías de Reservas da Biosfera; 30 de innovación; e 5 de artesanía. A todas elas súmanse as 50 novas bolsas Leonardo que neste 2013 se poñerán en marcha.