O In Lugo amosou os trucos para triunfar cunha idea en internet
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_9470_1.jpg)
O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, entregou este mércores os diplomas ós 75 participantes no curso gratuíto de Márqueting de contidos dixitais na era das TIC, organizado no In Lugo, o primeiro Centro de Innovación Social de Galicia, posto en marcha polo organismo provincial.
O curso foi eminentemente práctico e ofrecéronse dúas modalidades, unha semipresencial que contou con 25 participantes e outra completamente online que contou con 50 participantes. As dúas versións tiveron un total de 150 horas de formación nas que os alumnos aprenderon a aplicar estratexias de márqueting en Internet. Traballaron con exemplos reais de produtos e negocios para os que tiveron que desenvolver unha adecuada promoción e publicidade en redes sociais, estratexias de fidelización de clientes e analizaron as posibilidades de comercio electrónico. Deste xeito, os participantes coñeceron as posibilidades de Internet e as vantaxes dun correcto posicionamento na rede.
In Lugo, o 1º Centro de Innovación Social en Galicia posto en marcha pola Deputación de Lugo, ofrece formación gratuíta en novas tecnoloxías para todos os públicos, impulsando as o uso das TIC como instrumento para a promoción da igualdade social, a mellora do benestar e a calidade de vida dos cidadáns, especialmente dos colectivos máis desfavorecidos. A súa oferta formativa, completamente gratuíta, pode consultarse na web www.inlugo.deputacionlugo.org.