A Deputación mellora dotacións veciñais de todos os Concellos da Comarca de Lemos cun investimento de 214.500 euros
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_9627_1.jpg)
O Deputado de Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela, supervisou este xoves algunhas das actuacións realizadas na Comarca de Lemos co financiamento do organismo provincial. En concreto, o Deputado visitou as obras realizadas nos Concellos de Sober e Monforte de Lemos, onde se executaron 13 intervencións que contaron cun orzamento de 84.000 euros.
Con estas actuacións, o organismo provincial atende directamente ás demandas dos veciños, mellorando a súa calidade de vida ó investir en dotacións básicas, ó tempo que aforra cartos ós Concellos pois asume o 100% do investimento necesario. Ademais, con esta medida da institución luguesa actívase a economía local fomentando o emprego, xa que a execución das obras corre a cargo de Pemes e autónomos da zona.
En toda a Comarca de Lemos acometéronse, co financiamento da Deputación, 31 actuacións solicitadas polos veciños que contaron cun orzamento total de 214.500 euros. A maioría das intervencións, o 51%, serviron para acondicionar camiños públicos, mellorando os accesos a vivendas e lugares de traballo. No 26% dos casos, as actuacións dirixíronse ó acondicionamento de locais e infraestruturas de uso comunitario, mentres que un 23% das obras serviron para mellorar as dotacións de auga.