Deputación de Lugo

A Deputación mellora dotacións veciñais de todos os Concellos da Comarca de Lemos cun investimento de 214.500 euros

Miguel Ángel Sotuela supervisou as obras realizadas en Sober e Monforte de Lemos, onde o organismo provincial financiou 13 actuacións cun investimento de máis de 84.000 eurosEstas actuacións serviron para mellorar accesos a viñas en Rosende e Anllo; dotar de auga ós núcleos de Cuñas, Reguero, Soutonovo e Naz, e acondicionar o interior do local social das LamasO 51% das intervencións na Comarca consistiron no arranxo de accesos, un 26% foron melloras en instalacións de uso comunitario e outro 23% actuacións en dotacións de auga

O Deputado de Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela, supervisou este xoves algunhas das actuacións realizadas na Comarca de Lemos co financiamento do organismo provincial. En concreto, o Deputado visitou as obras realizadas nos Concellos de Sober e Monforte de Lemos, onde se executaron 13 intervencións que contaron cun orzamento de 84.000 euros.

Con estas actuacións, o organismo provincial atende directamente ás demandas dos veciños, mellorando a súa calidade de vida ó investir en dotacións básicas, ó tempo que aforra cartos ós Concellos pois asume o 100% do investimento necesario. Ademais, con esta medida da institución luguesa actívase a economía local fomentando o emprego, xa que a execución das obras corre a cargo de Pemes e autónomos da zona.

En toda a Comarca de Lemos acometéronse, co financiamento da Deputación, 31 actuacións solicitadas polos veciños que contaron cun orzamento total de 214.500 euros. A maioría das intervencións, o 51%, serviron para acondicionar camiños públicos, mellorando os accesos a vivendas e lugares de traballo. No 26% dos casos, as actuacións dirixíronse ó acondicionamento de locais e infraestruturas de uso comunitario, mentres que un 23% das obras serviron para mellorar as dotacións de auga.