Deputación de Lugo

A Deputación colabora na recuperación histórica da figura de Araceli, espía nada en Lugo

A institución provincial, a través da Fundación TIC, patrocinará a rodaxe dun documental que rememorará o pasado da espía

Gómez Besteiro subliñou que “paga a pena de reivindicar a figura desta muller que se adiantou ó seu tempo e, ademais, era de Lugo”. O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentaron o programa para a recuperación histórica de Araceli González Carballo (espía nada neste municipio), que inclúe a realización dun documental sobre a vida da espía. Gómez Besteiro destacou que “para a Deputación e o Concello de Lugo paga a pena recuperar a figura histórica e reivindicala a través dunha campaña de posta en valor, na que na que patrocinaremos a rodaxe dun documental que quedará para a historia da que poderíamos chamar a 007 lucense”. A realización do documental, no que colaborarán bolseiros da Escola de Imaxe e Son e no que a Deputación prestará asesoramento técnico, “forma parte da campaña de posta en valor da figura de Araceli González, unha muller que se adiantou ó seu tempo e que era de Lugo”. O máximo mandatario provincial subliñou que a intención é estrear o produto audivisual a principios do ano que vén e presentalo xunto outras accións como conferencias e publicacións. Neste senso, o Alcalde de Lugo anunciou que o Concello tamén colaborará coa publicación dun libro sobre a espía. O rexedor municipal destacou que “a antorcha levábaa Pujol, pero a auténtica protagonista era Araceli. Amaba a liberdade é foi quen de enganar ós servizos secretos”. Sinopse do documental O 6 de xullo de 1914 naceu Araceli González-Carballo González nunha casona cun recinto amurallado onde se pechaban horta, xardín, prados e bosque. Preto da cidade de Lugo tamén amurallada polos romanos, a ela gústaballe dicir que: “Se cadra tanta muralla foi o que me inspirou o afán de liberdade, o desexo de coñecer mundo que naceu en min na infancia”. Con esta mentalidade, e despois de traballar no Hospital de Santa María, durante a guerra civil viaxou a Burgos, onde coñeceu a Juan Pujol García, que traballou como dobre espía para os servizos secretos alemáns e británicos. Juan e Araceli casan en Madrid, e a parella comeza unha aventura que ten un fantástico e utópico obxectivo: acabar con Hitler e interromper os planes expansionistas do III Reich. O momento decisivo de Juan e Araceli chegará en 1944, cando a flota estadounidense decide intervir en Europa. Os espías españois serán os encargados de lle facer crer que o maior continxente de tropas vai establecer unha cabeza de praia polo paso de Calais, cando en realidade o desembarco será unicamente en Normandía. O engano chegará a tal punto que, pouco antes de morrer no bunker, Hitler concede a Pujol a Gran Cruz de Ferro. Mentres que, pola súa banda, os ingleses outórganlle a Orde do Imperio Británico. Dese feito Pujol é o primeiro espía dobre condecorado por ámbolos dous bandos. Pero o gran papel correspóndelle realmente a Araceli. A lucense é quen manexa os fíos baixo a apariencia dunha entrañable e inofensiva dama. Teimuda por viaxar a Lugo, Araceli fai valer finalmente a súa posición como esposa de Pujol para entrevistarse con Churchill e conseguir o permiso necesario para visitar á súa nai. Coa súa simpatía e o bo facer, consegue que Churchill a deixe saír de Inglaterra. Tratouna con moitisimo cariño, preguntoulle se estaba contenta en Londres, se era feliz… Nun momento dado, a Churchill cáelle a cinza do habano sobre a chaqueta e… ¿Qué fai ela?. Con gran naturalidade, límparlla coa man.