Deputación de Lugo

A Deputación mellorará o treito urbano de Muimenta antes de transferilo ó Concello de Cospeito

Imaxe deputación de lugo
Gato afirmou que “a Deputación continúa co proceso de axustar a titularidade das vías, ainda que non sabemos nada do que pensa a actual Xunta de Galicia”

O Goberno provincial aprobou 152.000 euros para varios proxectos na Mariña A Deputación acometerá as obras de mellora do treito da estrada provincial que pasa polo casco urbano de Muimenta, no Concello de Cospeito, antes de transferilo a este municipio da Terra Chá. A Xunta de Goberno deste venres aprobou a contratación do acondiciomento e e sinalización dun treito de medio quilómetro da CP 4401, de Paraxes a Lourenzá, por Pastoriza e Reigosa a Muimenta, en concreto, entre os puntos quilométricos 10,780 e 11,280, no Concello de Cospeito. O voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato Soengas, dixo que “investiremos 60.000 euros para deixar en perfectas condicións esta vía, que pasará a ser de titularidade municipal. Acondicionarase o pavimento con aglomerado, sinalizarase e farase un pequeño cambio de trazado ó remate da vía, onde enlaza coa estrada autonómica LU-120, de Vilalba a Meira, para garantir unha mellor visibilidade”. Gato Soentas sinalou que a Deputación “xa ten realizado transferencias deste tipo coa idea de que, a solicitude dos Concellos, determinados treitos que pasen polos casos urbanos sexan responsabilidade dos municipios”. Puxo como exemplos dous treitos transferidos ó Concello do Vicedo e outros dous ó do Paramo, e dixo que hai solicitudes doutras Entidades Locais. “Este asunto esta relacionado cunha negociación que se abrira coa anterior Xunta de Galicia para axustar a titularidade de determinadas vías autonómicas e provinciais. Sen embargo, ata o de agora non sabemos nada do que pensa a actual Conselleria de Política Territorial. Desde a Deputación pretendemos continuar con este proceso, sempre coa idea de mellorar determinadas estradas. No caso da transferencia ós Concellos, o organismo provincial continúa con estes axustes”, dixo Antonio Gato. Investimentos na Mariña O goberno provincial aprobou 152.000 euros para varias iniciativas na Mariña. Por unha banda, destínanse 83.063 euros para a contratación da obra de saneamento en Cancela Vella e Viladaide, no Concello de Barreiros, correspondente ó POS 2009. Po outra banda, a Xunta de Goberno deu o visto e prace ó convenio entre a Deputación e o Concello de Mondoñedo que complementa a rehabilitación da zona monumental desta localidade. O acordo permitirá a construción dun aparcadoiro público na Alcántara, completando as obras de urbanización desta zona prevista no Plan de Rehabilitación do Ministerio de Vivenda. A Deputación investirá 47.000 euros neste proxecto, o que representa o 45% que debía aportar o Concello. “Deste xeito, a Deputación colabora, por unha banda, na rehabilitación dunha das zonas monumentais máis importantes da provincia e, por outra, alivia ás arcas municipais do desembolso previsto no Plan do Ministerio”, apuntou Antonio Gato. Por último, aprobáronse 3 contas xustificativas do Plan de Cooperación coas Comunidades Veciñais correspondente ó ano 2008, dúas delas en Lourenzá e terceira en Castroverde. As obras suman un presuposto total de 48.098 euros dos que a Deputación achega 26.107. Desta cantidade, 22.000 destínanse ó Concello mariñán.