Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda recibe a un grupo de estudantes da localidade francesa de Médoc

Os rapaces estarán unha semana en Lugo nun intercambio co colexio San José

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, recibiu este luns no Pazo de San Marcos a un grupo de 36 estudantes e tres profesoras do colexio Canterame de Castelnau da cidade francesa de Médoc que participan nun programa de intercambio con alumnos do colexio San José de Lugo. Lara Méndez explicou ós rapaces, que estudan 2º de ESO, “que a Deputación é o goberno desta provincia que conta con 67 Concellos cunha grande variedade paisaxística e patrominial”. A responsable provincial subliñou que entre as prioridades da institución está a aposta polo medio ambiente e o desenvolvemento sostible. “O 55% do noso territorio está declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO. Iso é un orgullo para os lucenses, pero tamén unha grande responsabilidade, xa que temos que traballar para poñer en valor todos estes recursos”. Ademais, calificou de moi positivo “o proxecto que comparten os dous centros educativos, no que se fai fincapié no moito que temos en común, como é o Camiño de Santiago, o medio ambiente, o pasado romano e a produción de viños: o Bourdeos en Médoc e o Ribeira Secra na provincia de Lugo”. Os alumnos franceses estarán unha semana en Lugo e vivirán con familias de estudantes do colexio lucense que viaxarán a Médoc en setembro. A Vicepresidenta Segunda loubou este tipo de intercambios “que non se limitan ó aspecto académico, senón que son moi enriquecedores a nivel persoal, xa que permite coñecer e divulgar outras culturas e tradicións”. Lara Méndez dixo “outra das prioridades da Deputación son as novas tecnoloxías moi importantes neste mundo cada vez máis globalizado, pero sen perder a nosa propia identidade”.