Deputación de Lugo

O lucense Elías Rodríguez do Grupo Abaira, padriño da 5ª promoción da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC

Imaxe deputación de lugo
O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presidirá o acto de clausura do curso 2008/2009.

No acto terá lugar a presentación do DVD Proxectos EIS 2004/2009, compilando así os 5 anos de traballos producidos e realizados polos alumnos. Os titulados dos ciclos superiores de Produción de audiovisuais, radio e espectáculos e Realización de audiovisuais e espectáculos da Escola de Imaxe e Son de Lugo, dependente da Deputación Provincial, rematan o seu periodo formativo e como en anos anteriores, terá lugar a entrega de diplomas aos titulados da derradeira promoción que, nesta ocasión, contarán con Elías Rodríguez Varela, presidente do Grupo Abaira, que actuará como padriño de excepción. O acto de clausura de curso estará presidido por José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Fundación TIC, e celebrarase este xoves, 25 de xuño, ás 20:30 horas nos exteriores da Escola de Imaxe e Son de Lugo, na rúa Frei Plácido Rei Lemos. Elías Rodríguez, polifacético profesional da comunicación, é recoñecido internacionalmente no mundo da publicidade, polo seu labor como locutor, actor, redactor e especialista en sonorización e dobraxe. É veciño de Trabada (Lugo) e está considerado coma un dos mellores narradores e comunicadores de España. En 1990 funda Estudios Abaira, empresa matriz de Soundub, que é o grupo líder europeo no sector da dobraxe e sonorización para a industria do entretenemento e dos medios de comunicación e que na actualidade conta con sedes en Santiago de Compostela, Madrid, Barcelona e Lisboa. Nos seus estudos realízanse sonorizacións de películas como El Orfanato, Rec e a dobraxe de series de televisión como House, Los Simpsom e South Park, entre outras. José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación Provincial de Lugo e presidente da Fundación TIC, acompañará no acto a Elías Rodríguez Varela e aos alumnos desta 5ª promoción que rematan os seus estudos na Escola de Imaxe e Son. No transcurso do acto, aberto ó público en xeral, terá lugar a presentación do DVD Proxectos EIS 2004/2009, compilando así 5 anos de traballos producidos e realizados polos alumnos desta escola.