O INLUDES aproba por unanimidade achegar a banda ancha a 66 Casas Consistoriais da provincia
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
O Consello Reitor do INLUDES, integrado por todos os grupos políticos, aprobou este venres por unanimidade un prego, dotado de 1.075.200 euros, para levar a banda ancha a 66 Casas Consistoriais da provincia. Este orzamento inclúese dentro dos 9 millóns que a Deputación inviste no Innova-TE, e dos cales un 70% son fondos Feder, e un 30% do INLUDES. Deste xeito, organismo provincial abre un novo concurso para garantir ós Concellos unha unha conexión a Internet de 2 megas como mínimo, e permitir a implantación da administración sen papel. Esta iniciativa supón un avance sen precedentes en Lugo xa que, por un lado, porase fin ós problemas de acceso á Rede que, debido as condicións orográficas, existen na maior parte dos Concellos lucenses, e por outro, dotarase dun servizo cunha velocidade de conexión que permitirá a comunicación inmediata entre os veciños e a administración. Deste xeito, a Deputación levará a cabo, en cada municipio, as obras necesarias, como por exemplo, abrir zanxas para achegar a fibra óptica, ou mesmo instalar antenas e satélites; priorizando as tecnoloxías de cable sobre outras, para así evitar bloqueos e desconexións inesperadas que impiden prestar un servizo áxil e eficaz ós cidadáns. Nos vindeiros días, o organismo provincial convocará un concurso aberto a todas as empresas relacionadas co sector. Recibidas todas as ofertas, celebraranse varias mesas de contratación, onde estarán presentes todos os grupos políticos para garantir a máxima transparencia e publicidade no proceso de adxudicación.