Deputación de Lugo

Iniciados os obradoiros para o Arde Lucus nos talleres do CENTRAD

Os participantes elaboran traxes e complementos ambientados na época romana ó tempo que profundizan na historia da cidade

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación colabora este ano por primeira vez co Concello de Lugo para a celebración do Arde Lucus. Esta tarde darán comezo os obradoiros nos que alumnos de diferentes colexios da cidade elaborarán o seus traxes para a festa romana. En total, daranse cita no pavillón administrativo do Centro de Artesanía e Deseño, uns 500 rapaces que, ademais de elaborar o vestiario, tamén poderán compoñer complementos ambientados na época. Hoxe é a quenda do colexio Manuel Mallo Mallo. Para a realización dos talleres, o CENTRAD pon a disposición dos escolares preto de 1.000 metros de tela de 8 cores, así como distintos materiais para elaborar os complementos. Ademais, a Deputación cedeu 32 dos vellos cortinóns de dependencias provinciais como o do Salón de Plenos, que segundo os informes dos técnicos, son material rexeitable. Asesorados polos monitores do Concello, os alumnos fabricarán o traxe de muller e de home celta. No caso do traxe feminino, os alumnos completarán a vestimenta con bolsos, coleteiros, cinturóns, diademas, collares, pulseiras, torques para o pescozo, distintos tipos de pendentes, etc. No caso dos homes, poderán facer ademais cintos, brazaletes, calzado, cascos ou arandelas para apliques sobre o ombreiro. Os obradoiros están formados por grupos de 20 escolares dos seguintes centros educativos: Paradai, Cervantes, Luis Pimentel, Manuel Mallo Mallo de Nadela e Divino Maestro. Os talleres rematarán o xoves 25 de xuño e desenvólvense en tres quendas de hora e media cada un: ás 16:30 horas, 18:00 horas e 19:30 horas.