Deputación de Lugo

As novas tecnoloxías centran máis dun terzo do Plan de Formación da Deputación de 2009

Gómez Besteiro destacou a importancia desta formación para a implantación de programas europeos como o Innova-TE

Os Presidentes da Deputación e da FEGAMP asinan un convenio de colaboración para a realización de cursos destinados ós empregados da Administración Local da nosa provincia As novas tecnoloxías centran máis dun terzo dos cursos incluídos do Plan de Formación da Deputación para os empregados da Administración Local da provincia en 2009. O Presidente da institución, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou “a importancia de que os traballadores da Deputación e dos Concellos desta provincia estean formados para ofrecer ós cidadáns uns servizos de calidade e axeitados ás demandas do século XXI”. Neste senso, afirmou que “a administración electrónica xa é unha realidade, e debemos estar preparados para a súa implantación. Desde a Deputación temos en marcha o Innova-TE, un ambicioso programa europeo, co que investiremos 9 millóns de euros en novas tecnoloxías, e que ten entre os seus obxectivos a implantación da e- Administración”. O Presidente da Deputación e o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Carlos Fernández Castro, asinaron este martes o convenio de colaboración para a realización durante 2009 de accións formativas para persoal ó servizo da Administración Local na provincia de Lugo. Este acordo inclúe 2 cursos cun total de 40 prazas e 105 horas lectivas: “experto en desenvolvemento local (on line), e “xestión de ingresos nas corporacións locais: xestión de tesourería e recadación”. Gómez Besteiro apuntou que “esta é unha forma de defender o municipalismo. A formación continua dos empregados públicos ten un valor estratéxico para que estes se adapten ós procesos de cambio e á crecente complexidade na xestión diaria dos entes locais”. Dentro da liña de Cooperación e Asistencia ós Concellos, a Deputación “quere despregar esforzos e cooperar activamente programando actividades orientadas á capacitación dos seus equipos humanos, así como contribuír á mellora de rendemento. Co esforzo de todos, aseguraremos o cumprimento dos programas de acción municipal a satisfacción dos intereses do cidadáns”. Formación para a Administración Local A través deste convenio, a Deputación comprométese a xestionar a contratación dos equipos necesarios para o desenvolvemento de cada curso, aportando o material e facilitando as súas instalacións. Ademais, será a encargada da selección dos asistentes, mentres que a FEGAMP aportará 12.000 euros para o seu financiamento. Están destinados ós traballadores da Administración Local. A Deputación de Lugo pon a disposición dos mesmos os equipos, as Aulas de Formación da institución provincial e o material necesario para o desenvolvemento de cada acción formativa. Asimesmo, os participantes recibirán unha certificación acreditativa da súa asistencia que indicará que estes foron organizados conxuntamente pola FEGAMP e a Deputación de Lugo. Para a selección de participantes téñense en conta os seguintes criterios: que exista relación entre a materia do curso e os solicitantes, que estean representados o maior número de Concellos da provincia e a categoría profesional, dando prioridade ó persoal fixo. Os cursos e a folla de solicitude publicaranse no Boletín Oficial da Provincia. Ademais, mandarase información ós propios Concellos e colgaranse na páxina web da Deputación. A FEGAMP destina 232.000 euros á formación en 2009, 14.000 euros máis que en 2008. En total, en Galicia impartirá 33 cursos, 3 máis que en 2008. Nos cursos participarán un 800 alumnos e abordarán outras cuestións relacionadas co urbanismo, a Lei de Dependencia, o desenvolvemento sostible, os riscos laborais, a linguaxe e os procedementos adminitrativos, a igualdade e a inmigración. Fernández Castro sinalou que “esta é unha senda importante na colaboración para a formación dos empregados públicos. Isto é moi importante dentro do obxectivo de achegar a administración ós cidadáns, xa que temos que facelo con calidade e profesionalidade”.