Deputación de Lugo

O director de cine Imanol Uribe comparte a súa experiencia cos alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo

Imaxe deputación de lugo
Durante a súa estancia na cidade, Uribe participará na gravación dunha entrevista realizada por membros do colectivo Anade

O Presidente da Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará este mércores, no Pazo Provincial, o encontro que o director de cine Imanol Uribe manterá cos alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo. Gómez Besteiro abrirá a sesión, ás 17.30 horas, no Salón de Actos da Deputación. A continuación, Uribe pronunciará unha conferencia-coloquio, que estará dirixida a profesionais e interesados no mundo do cine e da televisión. O acto estará aberto ó público en xeral. O cineasta Imanol Uribe recibíu numerosos premios entre eles a Concha de Oro en San Sebastián por “Días Contados” e varios premios Goya por este mesmo filme e “El Rey pasmado”. Na súa filmografía reflicte a realidade socio-política do País Vasco en títulos como “El Proceso Burgos”, “La fuga de Segovia” ou “La muerte de Mikel”. “La Carta Esférica”, adaptación cinematográfica da novela homónima de Arturo Pérez Reverte, é a súa última obra, baseada nun ritmo de narración propio do cine clásico de aventuras. Durante a visita a Lugo, o director participará na gravación dunha entrevista realizada por membros da Fundación Anade, que forma parte dun proxecto de colaboración coa Fundación TIC, e que permite desenvolver unha serie de actividades de carácter educativo e formativo destinadas a facilitar a integración e participación deste colectivo, a través da interpretación en teatro, cine e televisión. A entrevista gravarase no Centro de Produción de Programas da Fundación TIC e no equipo técnico participarán os alumnos dos Cursos de Realización e de Produción da Escola de Imaxe e Son de Lugo.