Deputación de Lugo

Un dos maiores expertos en Europa sobre fondos europeos imparte unha xornada na Deputación

Imaxe deputación de lugo
No encontro informarase sobre o control da financiación acadada para o periodo 2007-2013

O Xefe da Área de Control da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Economía e Facenda, Faustino Sobrino Panizo, impartirá mañá a “Xornada informativa dos Fondos Europeos no marco do programa operativo de Galicia 2007-2013” que se desenvolverá no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a partir das 11:00 horas. Panizo é un dos maiores expertos en Europa sobre financiación europea, e informará sobre o control dos fondos comunitarios acadados. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará o encontro ó que tamén asistirán interventores e secretarios, ademais doutros traballadores da administración local da provincia. No transcurso da xornada, exporanse o principais proxectos que está a poñer e marcha a Deputación e para os que o organismo provincial conta con financiación europea. Deste xeito, explicaranse as principais liñas de actuación do Innova-TE. do Lug02 e do Pacto Provincial polo Emprego. Sobrino Panizo leva vinculado co Ministerio de Economía desde 2001, onde é o responsable da Área de Control. Este é un departamento de nova creación, e enmárcase dentro dos novos requerimentos da normativa comunitaria en materia de sistemas de control e xestión do FEDER. Asimesmo, colaborou en proxectos relacionados coa inspección doutros organismos europeos de control como o Tribunal de Contas e a OLAF (Oficina Europea de Loita contra o Fraude). É membro da Comisión Técnica que redactou a nova Lei Xeral de Subvencións.