Deputación de Lugo

Gómez Besteiro visita en Sarria a rodaxe da curta do director Roberto Lolo na que colabora a Fundación TIC

Imaxe deputación de lugo
A colaboración inclúe a participación de bolseiros da Escola de Imaxe e Son e a aportación do equipamento técnico

O máximo responsable provincial destacou “a importancia de iniciativas coma esta para procurar a inserción laboral dos nosos alumnos”. Triste soledad de un violinista ródase integramente en Sarria, vila natal do director, coa participación da cantante Soraya. O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde de Sarria, Claudio Garrido, visitou este mércores na localidade sarriana o plató no que se está a rodar a nova curtametraxe do director lucense Roberto Lolo, Triste soledad de un violinista. A Fundación colabora neste proxecto a través da participación de bolseiros da Escola de Imaxe e Son e a aportación do equipamento técnico. Gómez Besteiro destacou “a importancia de iniciativas coma esta para acadar a inserción laboral dos nosos alumnos. Con este tipo de colaboracións cumprimos co obxectivo prioritario que nos marcamos na Fundación: incentivar a inserción no mercado de traballo dos rapaces e rapazas que estudan na EIS, o único centro da provincia que imparte ensinanzas do mundo audiovisual”. Outras colaboracións da Fundación A Fundación TIC, a través da EIS, xa colaborou noutros destacados proxectos audiovisuais que contribúen a promocionar a provincia de Lugo. O máis recente é o documental Hitler, Garbo... e Araceli, do director Xosé de Cora, estreada en xaneiro no Pazo de San Marcos. Ademais destaca a participación da Fundación na longametraxe Os mortos van á presa, de Ángel de la Cruz, a gran gañadora da VII edición dos Premios Mestre Mateo, onde acadou nove galardóns. Tamén se estimula a relación da Escola co sector empresarial mediante convenios de prácticas, bolsas e diversas colaboracións. Na actualidade, a Fundación TIC mantén relación con máis de 60 empresas nacionais e asinou 11 convenios de colaboración con entidades sociais de Lugo. Proxecto lucense O máximo responsable da Fundación e o Alcalde de Sarria comprobaron in situ o traballo que está a desenvolver tanto o equipo técnico como o artístico para facer realidade este filme, escrito, producido e dirixido por Roberto Lolo. Cunha duración de 15 minutos, trátase dunha historia romántica coa que o cineasta e mago sarriano rende homenaxe ó mundo da música, tal e como fixera coa maxia no seu traballo anterior: A la de tres. Triste soledad de un violinista recolle a vida dun violinista que se refuxia nunha casa para compoñer, onde se lle aparece unha misteriosa muller cada vez que toca un tema. A curta ten como protagonista á cantante Soraya, quen representou o ano pasado a España no Festival de Eurovisión, e ó actor Alberto Amarilla, protagonista das películas El camino de los ingleses de Antonio Banderas e de Fuga de cerebros, de Fernando González Molina. Roberto Lolo dirixiu ata o de agora nove curtametraxes, a primeira en 1997, aínda que a maioría foron realizadas a partires de 2008. A última, rodada o ano pasado tamén en Sarria, foi El Clon. Ademais, participou en series televisivas como Platos combinados, da TVG, e La Tira, da Sexta. Asimesmo, formou parte dos equipos de varias películas como A los que aman, Romasanta e O ano da caracha, e en varias producións teatrais.