Deputación de Lugo

Gato afirma que a actual Deputación universalizou a cooperación con todos os Concellos da provincia

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación recibiu a todos os Alcaldes dos Concellos afectados polo canon hidroeléctrico contrariamente ó que di o PP, que minte

O Rexistro de Licitadores xa conta con 70 empresas inscritas, das que 55 son da provincia de Lugo O voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato, destacou este venres o labor da actual Deputación que universalizou a cooperación e asistencia a todos os Concellos da provincia, independentemente da súa cor política. Neste senso, lembrou o primeiro Encontro sobre Cooperación que tivo lugar esta mesma semana xa que todas as medidas levadas a cabo polo actual equipo de goberno están tinguidas, en todos os servizos, dunha auténtica cooperación, que non había antes. Neste senso, Gato Soengas afirmou que o Presidente da Deputación recibiu a todos os Alcaldes dos Concellos afectados polo canon hidroeléctrico -agás o de Carballedo que non puido asistir por problemas persoais-, contrariamente ó que di o voceiro adxunto do PP, José María González Barcia. O Deputado acusou ós populares de facer unha oposición baseada na mentira permante, agás que confundan as relacións que había antes na Deputación cos Concellos que non eran do PP, ou que o señor Barcia non estea informado polos Alcaldes do seu propio partido e que estes pasen olimpicamente del. Rexistro de Licitadores Por outra banda, o voceiro do grupo provincial socialista avanzou que xa están inscritas 70 empresas no Rexistro de Licitadores que puxo en marcha a Deputación a comezos de ano. Gato Soengas lembrou que a creación deste Rexistro supón importantes vantaxas, tanto para o organismo provincial como para os licitadores porque permite axilizar a participación das empresas nas contratacións públicas da administración local en toda a provincia e reducir os tempos necesarios para levar á práctica as obras, plans, actividades e outras iniciativas promovidas por esta institución, mellorando a calidade dos servizos prestados pola administración local e levando a cabo unha xestión máis eficaz e eficiente dos recursos públicos. Ademais a inscrición no Rexistro supón un aforro para os licitadores, xa que non están obrigados a repetir a xustificación documental necesaria en cada contrato licitado. Esto tamén facilita o traballo da Mesa de Contratación que, deste xeito, axiliza considerablemente a fase de comprobación documental das ofertas recibidas. Das 70 empresas que xa están inscritas, 55 son da provincia de Lugo, 5 da Coruña, outras 5 de Ourense, 3 de Pontevedra e 2 do resto de España. Das que teñen a súa sede en Lugo, 51 son da capital da provincia, e logo hai unha ou dúas de 14 Concellos diferentes, apuntou o voceiro socialista. Polo que se refire ó tipo de licitadores, a inmensa maioría, 55, son Sociedades Limitadas. Séguenlle 8 autónomos, 5 Sociedades Limitadas Persoais e outras 5 Sociedades Anónimas. Para rexistrase, os empresarios deben cubrir un modelo de solicitude publicado non BOP do 30 de decembro de 2008, que tamén está publicado na páxina web da Deputación, e aportar a documentación necesaria para calquera contrato. Unha vez feitas as correspondentes comprobacións, pasarán a formar parte do devandito Rexistro. O prazo de inscrición permanecerá aberto ó longo de todo 2009 e en anos sucesivos. Acodos da Xunta de Goberno A Xunta de Goberno deste venres aprobou 22 contas xustificativas de obras dos Plans de Comunidades Veciñais dos ano 2006, 2007 e 2008. O presuposto total do proxecto foi de 171.896 euros, dos que a Deputación achegou 125.806. Por outra banda, acordouse o persoamento nun recurso contencioso-administrativo con respecto a unha reclamación patrimonial por mor do atropelo dun corzo na estrada provincial de Mato a Ponte Vilar. O accidente de tráfico tivo lugar o 21 de marzo de 2008 e demándase á Deputación unha indemnización de 768 euros. Ademais, deuse conta de dúas sentenzas que desestiman outros tantos recursos presentados contra a Deputación por atropelo de corzos.