Deputación de Lugo

A Deputación integrará o parque de Monforte no Consorcio Provincial de bombeiros

Gómez Besteiro sinalou que así se pon solución á zona sur da provincia e convidou ó Alcalde a participar no Pleno convocado para dentro de 15 días

O máximo mandatario provincial entregou os diplomas ás 12 empresas participantes no curso de Empresa e Sucesión Familiar financiado ó 100% pola Deputación O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, mantiveron este martes unha reunión na que se acordou integrar o parque de bombeiros deste Concello no Consorcio Provincial de extinción de incendios. Deste xeito, Gómez Besteiro sinalou que así se pon solución á zona sur da provincia e convidou ó rexedor a participar no próximo Pleno que o Consorcio celebrará no Pazo de San Marcos, e que está convocado para dentro de 15 días. O máximo mandatario provincial destacou que “xa dixemos que a situación de Lugo e de Monforte son diferentes e que o Consorcio contempla a posibilidade de incluír a aquelas localidades de menos de 20.000 habitantes. Por tanto, este é un acto para explicitar a integración deste Concello, de xeito que este parque figure como unha peza importante e non de forma illada como o viña facendo ata a actualidade”. O Consorcio Provincial de Bombeiros ten cinco órganos de goberno e xestión: o Pleno, a Comisión Executiva, a Presidencia, a Vicepresidencia e o Consello Asesor. O Pleno estará integrado polo Presidente da Deputación, que exercerá as funcións da presidencia, o Director Xeral de Protección Civil, que exercerá a vicepresidencia, dous Deputados provinciais (Claudio Garrido e Antón Bao) dous membros designados pola Xunta (o Subdirector Xeral de Calidade e Protección Civil e o Delegado da Consellería de Presidencia) e os Alcaldes dos Concellos onde se establecen os parques de bombeiros. Logo do cambio de goberno na administración autonómica e tendo en conta que a Xunta forma parte dos órganos de xestión do Consorcio, o 23 de abril enviouse desde a Deputación un escrito no que se explicaba a necesidade de que os actuais responsables designen ós seus representantes. “Loxicamente houbo un cambio na Xunta de Galicia e agora é o momento de que se produza esa renovación e de manifestala no Consorcio. Creo que non me equivoco ó pensar que neste proceso de integración tamén contaremos co apoio da administración autonómica porque non parece axeitado facer unha estratexia provincial e non contar cunha das cabeceiras de comarca da zona sur da provincia”. Pola súa banda, o Alcalde de Monforte subliñou que “sempre houbo vontade política por parte da Deputación de resolver o problema do noso parque. Pola nosa parte vamos intentar que a integración se faga do xeito máis favorable para o Concello e os traballadores porque do que se trata é de prestar un servizo de calidade e que garanta a seguridade de toda a comarca. O obxectivo é que en 2010 teñamos outro plantexamento distinto”. A Deputación Provincial e a Consellería de Presidencia asumen ó 50% o financiamento e mantemento destes cinco parques de bombeiros. Para a súa construción e dotación, destinan 9 millóns de euros, e 3 millóns anuais para o seu mantemento, de xeito que a Deputación alivia a obriga que tiñan os Concellos de aportar unha porcentaxe ó Consorcio. Canon hidroeléctrico O reparto do canon hidroeléctrico foi o segundo asunto que trataron o responsable provincial e o rexedor municipal. Gómez Besteiro indicou que antes do mes de agosto pecharase a liquidación do canon que no caso de Monforte ascende a 233.097 euros. Neste senso, subraiou que “antes de agosto queremos deixar remado o Plan de Obras para logo comezar coa súa contratación, tal e como se fixo con Chantada”. A este respecto, Severino Rodríguez agradeceu a disposición do Presidente neste eido e indicou que “estamos elaborando un documento para que a Deputación teña constancia de cales son as nosas necesidades. Sempre houbo vontade por parte da institución provincial de avanzar”. Clausura curso de Empresa e Sucesión Familiar O Presidente da Deputación, acompañado do Alcalde de Monforte, e da Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Presidente da Fundación CREA, Javier Collado, entregou os diplomas ás empresas participantes no Programa de Empresa e Sucesión Familiar que se desenvolveu en Monforte de Lemos. Gómez Besteiro destacou que “na actualidade hai cursos para emprendores, pero olvidámonos das empresas que xa están funcionando. É bo crear empresas, pero tamén hai que ter en conta as que xa existen para conservar eses postos de traballo. Por iso, este programa é exclusivo, xa que permite planificar a sucesión e reorientar os negocio garantindo a súa permanencia”. Das aproximadamente 24.600 pequenas e medianas empresas que hai en Lugo, o 30% son familiares e tan só un 15% pasa a unha terceira xeración. É precisamente neste cambio xeracional cando se detecta que se van producindo baixas, e en moitos casos é por un escaso ou nulo asesoramento. Trátase dun programa pioneiro en España, totalmente gratuíto para as PEMES e financiado ó 100% pola institución provincial con 60.000 euros. Nel participaron 12 empresas familiares, que agora dispoñen de distintas ferramentas que lles axudarán a afianzar a consolidación da empresa sabendo como enfrentarse a un dos asuntos máis importantes ós que se vos plantexan no momento da sucesión: o problema familiar, xurídico e empresarial. O rexedor municipal destacou a importancia de que iniciativas coma esta se desenvolvan nestes momentos, “xa que hoxe máis ca nunca é necesario crear emprego e mellorar a competitividade das nosas empresas. Todas as forzas políticas debemos traballar conxuntamente e nunha única dirección para impulsar o tecido empresarial”. O responsable da Fundación CREA coincidiu con Severino Rodríguez ó subliñar que “cuantas más instituciones haya que generen empleo y riqueza para este país será mucho mejor”. Desenvolvemento do programa Cun enfoque moi práctico e durante 8 semanas consecutivas os participantes tiveron sesións conxuntas (72 horas) e consultorías totalmente personalizadas, para elaborar as súas estratexias futuras en áreas como a xurídica, económica-financieira, marketing e vendas, fiscal, novas tecnoloxías, etc. As sesións individuais (25 horas) estiveron dirixidas por un consultor especialista e cun horario adaptado á disponibilidade dos participantes. Rematado o Programa, os participantes teñen todos os programas relacionados coa consolidación da empresa familiar e a sucesión: Plan Estratéxico, Plan de Empresa, Protocolo Familiar e Plan de Sucesión.