Deputación de Lugo

O responsable de Cultura e o Vicepresidente da Deputación recibiron aos escritores participantes na XXIV Edición do Galeusca

Este encontro de escritores procedentes Galiza, Euskadi e Catalunya centra esta edición no Imaxinario na Literatura e trasladaráse mañá a Mondoñedo

LUGO, 2 DE NOVEMBRO. O responsable de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, destacou hoxe o traballo dos escritores a prol da lingua dos seus países. “A lingua galega débelle moito aos escritores galegos”, afirmou Antonio Veiga. Durante unha recepción aos escritores participantes na XXIV edición do GALEUSCA, o encontro anual de escritores de Galiza, Euskadi e Catalunya, o responsable de Cultura da Deputación salientou ademais a importancia deste tipo de encontros para a posta en común de experiencias e traballos deste colectivo de escritores. Tras un roteiro pola cidade, no que foron guiados polo escritor Lois Dieguez, os participantes na edición deste ano do GALEUSCA foron recibidos no Museo Provincial, que este ano cumpre 75 anos, polo vicepresidente da Deputación, Antón Bao, e polo responsable de Cultura da institución provincial, Antonio Veiga. Antonio Veiga anunciou tamén que o Servizo de Publicacións da Deputación prestará maior atención “ao idioma propio de Galiza” polo que se ampliará o número de obras editado en galego, unha cifra ata o de agora “residual”, explicou Antonio Veiga, que calculou que “no chegaban ao 5% do total os libros editados en galego”. O programa de actividades do encontro GALEUSCA extenderase toda a fin de semana. Mañá sábado en Mondoñedo haberá charlas, un xantar e un recital poético. Denantes de chegar a Mondoñedo haberá unha visita á Carballeira de Sta Isabel (Outeiro de Rei), lugar de referencia indicutible para o poeta Manuel María.