Deputación de Lugo

Empresas galegas e nacionais participarán nunha xornada na Deputación sobre o programa Innova-TE

Imaxe deputación de lugo
No encontro explicarase o prego aprobado polo INLUDES e dotado con 7 M€ para a implantación da e-administración na Deputación e nos 66 Concellos

A Deputación dá un paso máis na posta en marcha desta iniciativa que supón o investimento máis importante aprobado no eido das TICs na provincia e incluso en Galicia O Pazo de San Marcos acollerá o 16 de novembro, de 11:00 a 13:00 horas, unha xornada informativa na que se explicará a 40 representantes de empresas galegas e nacionais que optarán á contratación do prego aprobado polo Institituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) para a implantación da e-administración no organismo provincial e nos 66 Concellos de Lugo. Deste xeito, a Deputación dá un paso máis na posta en marcha desta iniciativa que supón o investimento máis amplo e importante aprobado no eido das TICs na provincia e incluso en Galicia. A iniciativa conta con 7 millóns de euros, dos que o 70% é aportado pola Unión Europea e o 30% restante polo INLUDES. A administración electrónica permite facer dende a Internet trámites que antes se facían de forma presencial no Pazo de San Marcos ou nos Concellos, polo que este sistema de contratación permitirá aforrar cartos e tempo ós cidadáns. Para isto, os veciños só terán que entrar na páxina da Deputación ou nas dos Concellos, e identificarse a través do DNI electrónico. A continuación, poderán descargar os formularios necesarios, adxuntar a documentación precisa, e facerllo chegar á administración correspondente mediante a rede. Co Innova-TE, Lugo entrará de cheo na era da sociedade da información, xa que dotará ós 66 Concellos de portais de servizos, de capacidade WiFi ou de ordenadores, ademais de extender a banda ancha. Lugo sitúase a cola nesta materia xa que, por cada 100 habitantes, 13 teñen banda ancha, cando en calquera outra provincia con máis de 100.000 cidadáns, o 50% dispoñen deste servizo.