Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo importará modelos de xestión
pioneiros iniciados na provincia de Barcelona

Lugo acollerá un foro de empresarios galegos emigrados en Cataluña

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda e responsable da Área de Promoción Económica, Lara Méndez, foron recibidos esta mañá na Deputación de Barcelona durante a segunda xornada da viaxe oficial á Capital Condal. O máximo responsable da Corporación lucense destacou que “a Deputación de Barcelona é un referente no panorama das administracións provinciais en España”. Na reunión que mantivo con Celestino Corbacho, titular da mesma, Gómez Besteiro dixo que “a nosa intención é importar modelos de xestión, sobre todo, no que se refire ó traballo en rede entre todos os concellos, unha das experiencias que más éxito está a ter en Cataluña”. O Presidente da Deputación de Barcelona, Celestino Corbacho, puxo como exemplo deste traballo en rede “a prestación a todos os concellos dun bo servizo de parque de bombeiros, no que se fai especial fincapé na prevención”. A Corporación barcelonesa tamén é un referente a nivel español na rede pública de bibliotecas provinciais que permite a calquera usuario do concello máis pequeno recibir as mesmas prestacións que un do municipio de maior poboación e por, outra banda, destaca no cuidado que presta á rede de parques naturais. “A idea non é tanto comarcalizar os servizos senón facilitar estes a todos os concellos da provincia con carácter xeral”, afirmou Gómez Besteiro tras constatar que “este é un sistema que xa leva implantado moitos anos en Barcelona con gran éxito”. Outro aspecto importante abordado na reunión foi o modelo de captación de novos Fondos Europeos. O Presidente lucense lembrou que “Barcelona non é obxectivo número un no reparto de Fondos Europeos, sen embargo, están reorientando estes recursos cara o turismo e as novas tecnoloxías para aproveitar mellor os investimentos de Europa, algo do que deberemos tomar boa nota en Lugo”. José Ramón Gómez Besteiro e Lara Méndez foron recibidos oficialmente por Celestino Corbacho. A continución os dous Presidentes mantiveron un encontro privado no despacho oficial. Trátase do primeiro presidente provincial de fóra de Galicia co que se entrevista Gómez Besteiro, que xa se reuniu cos de Coruña e Ourense. Despois da reunión co titular catalán, Gómez Besteiro e Lara Méndez participaron en varios encontros de traballo co equipo directivo e técnicos da institución barcelonesa para analizar máis polo miúdo os aspectos máis novidosos deste modelo de xestión, pioneiro no país en cuestións como a relación da Deputación cos seus concellos ou a optimización e captación dos fondos europeos. Contactos estables co tecido empresarial A segunda cita importante da xornada será esta tarde coa comunidade de empresarios galegos en Cataluña. O obxectivo deste encontro é establecer contactos estables co tecido empresarial barcelonés. Neste senso, José Ramón Gómez Besteiro anunciou que xa realizou as xestións necesarias para que Lugo acolla un foro de empresarios galegos emigrados en Cataluña, e que se establezcan lazos co empresariado lucense. O encontro de hoxe terá lugar no xantar organizado pola Deputación de Barcelona, na propia sede da institución, e no que están confirmados destacados empresarios emigrantes como o presidente de Filmax Entertainment, Julio Fernández (a principal produtora e distribuidora do cine español e situada na lista das 10 primeiras de Europa); o presidente do grupo HOTUSA, Amancio López Seijas (empresa que agrupa a máis de 1.000 hoteis distribuidos en 19 países e trátase do terceiro consorcio hoteleiro no mundo en canto a números de establecementos); o conselleiro delegado do grupo BURGAL, Francisco Cabanas (holding especializado en loxística e transporte); o presidente do Grup Inmobiliari, Manuel Niñerola (grupo empresarial con grande experiencia inmobiliaria en toda España, Andorra e Venezuela); ou o presidente da empresa inmobiliaria SASI, Fausto Serén (foi a primeira compañía española do sector inmobiliario que obtivo o certificado NORMA UNE-EN-ISO-9002 e pioneira na aposta pola calidade dos seus servizos), etc. Con datos obxectivos na man, José Ramón Gómez Besteiro animará ós empresarios galegos a investir en Lugo. O Presidente lucense explicará as enormes posibilidades de “economía do medioambiente” que ten Lugo así como o gran potencial da nosa provincia, tanto desde o punto de vista xeoestratéxico como turístico. O titular da Deputación lucense tamén se referirá á nova etapa política que se abre co actual goberno provincial. Gómez Besteiro subliñou que “se están a preparar os Presupostos Provinciais polo que é o momento de escoitar para incorporar aquelas propostas que atraian investimentos a nosa provincia”. Ó remate do xantar, José Ramón Gómez Besteiro entregará ó Presidente da Deputación de Barcelona unha figura de granito dun pelegrín, tallada polos artesáns do CENTRAD, e cunha praca conmemorativa. Tamén agasallará ó presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña, Julio Fernández, cunha figura en madeira do Organistrum, una reproducción dun dos instrumentos presentes no Pórtico da Gloria tamén rehabilitado polo CENTRAD. Con este acto rematará unha intensa visita de dous días na que o Presidente da Deputación de Lugo e a Vicepresidenta Segunda estableceron contactos económicos, tanto con empresarios cataláns como galegos na emigración, e recolleron algúns dos puntos máis salientables do modelo de funcionamento da Deputación de Barcelona, para a súa posible aplicación en Lugo.