Deputación de Lugo

O Teatro Científico será protagonista da semana da ciencia no museo de Lugo

Coa obra “Alá no fondo hai sitio abondo” amosase ao público a nanotecnoloxía a través dunha obra teatral que pretende estreitar as relacións entre cultura, arte e ciencia.

A Rede Museística convertese, unha vez máis, nun espazo aberto á innovación para achegar o coñecemento enmarcado na estética artística. LUGO, 14 DE NOVEMBRO. O vicepresidente da Deputación e o responsable da área de Cultura, os nacionalistas Antón Bao e Antonio Veiga, presentaron hoxe en rolda de prensa a iniciativa Teatro Científico. Esta actividade está promovida pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (Consellaría de Innovación e Industria) a través do programa INCITE que desenvolve ao longo do ano diferentes actividades de divulgación da ciencia e a I+D+i na sociedade. Estas accións divulgativas serven para amosar a importancia da ciencia na vida cotiá e para despertar o interese polo coñecemento. A obra “Alá no fondo hai sitio abondo” é a elixida para presentar ao público o mundo da nanotecnoloxía. O Circo Atómico das Irmás Feynman, recreado pola compañía de teatro Chévere amósanos un dos avances científicos máis asombrosos da historia da humanidade: a nanotecnoloxía, unha tecnoloxía capaz de construír máquinas biolóxicas, crear formas de vida dirixidas por humanos e feitas a medida. O Circo Atómico das Irmáns Feynman trasládanos ao infra-mundo dos átomos. Circo de pulgas, fenómenos de feira, maxia, teatro de variedades ou music-hall, todas as linguaxes do espectáculo son aptas para lograr a escenificación do coñecemento científico. Esta obra poderáse disfrutar no Refectorio do Museo de Lugo o sábado 17 en pases de 12:30 a 13:15 e de 18:00 a 18:45. CULTURA, ARTE E CIENCIA Coincidindo coa semana da ciencia, presentase está innovadora obra científico-teatral na que estas dúas disciplinas, ciencia e cultura, converxen dun xeito dinámico e didáctico. Este tipo de actividades, a maiores de amosarlle á xente a importancia da ciencia na súa vida cotiá e de espertar o seu interese polo coñecemento, serve tamén para abrir espazos coma este Museo Provincial a actividades novidosas e á colaboración entre campos da vida que na práctica están alonxados e en camiños diferentes, como son a Ciencia e a Cultura. A través deste tipo de actividades a Área de Cultura da Deputación quere converter a Rede Museística nun espazo aberto onde as diferentes artes se entrelacen e vivan de xeito cotiá para chegar á cidadanía. É unha forma máis de achegar o mundo das ciencias aos máis novos e ao público en xeral.