Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación confirma o seu respaldo
ás reivindicacións históricas de Sarria

O parque de bombeiros, o proxecto supramunicipal do parque arqueolóxico -único en España- e o Camiño de Santiago, principais necesidades de Sarria

O Presidente da Deputación visitou esta mañá oficialmente os concellos do Corgo, Láncara e Sarria. Neste último, o de maior poboación e cabeceira de comarca, Gómez Besteiro confirmou o seu respaldo ás reivindicacións históricas de Sarria. A Deputación analizará en profundidade a construción do parque de bombeiros reinvindicado por 7 alcaldes da comarca sarriana, o proxecto supramunicipal do parque arqueolóxico -único en España-, así como a mellora do Camiño de Santiago. O Presidente constatou na súa visita “a boa acollida que está a ter a nova área de cooperación cos concellos que estamos a poñer en marcha. Os Alcaldes e os Concelleiros síntense respaldados”, afirmou. O Alcalde de Sarria, Claudio Garrido, agradeceu o encontro co Presidente da Deputación, “pola sensibilidade demostrada cos problemas históricos da comarca e por ser a primeira vez que un Presidente da Deputacion de Lugo visita oficialmente o noso concello”. Garrido expúxolle ó Presidente “a necesitade máis importante da comarca de Sarria: a construción dun parque de bombeiros comarcal, unha demada dos 7 alcaldes da comarca”. Neste senso, o Presidente adiantou que “no ano 2008 afrontaremos de forma decidida e prioritaria a política de parques de bombeiros. Xa este ano imos celebrar diversas reunións. É unha necesidade que esixíamos cando estabamos na oposición e cumprirémola agora. Comezaremos por Barreiros porque xa está construído, pero sentarémonos para avaliar este tema de forma conxunta na provincia. Imos ter en conta factores como o número de habitantes ós que darán servizo, qué parte é urbana e cómo se atende a extinción de incendios no rural, os custes de mantemento, tempos de resposta, formación para os empregados, etc”. No caso concreto de Sarria, “xogará un papel protagonista porque é cabeceira de provincia é ten máis de 13.000 habitantes, un número moi elevado. Nós levaremos esta reivindicación de Sarria ás negociacións coa Consellería de Presidencia e imos facer un mapa da provincia de parques comarcais. Despois discutiremos a situación dos parques porque eu entendo o dereito lexítimo de todos os concellos para intentar telos”, afirmou. Visita ó parque arqueolóxico Ademais da mellora das vías provinciais, o Presidente confirmou o seu respaldo a outra das reivindicacións máis desexadas. “Estamos apostando por un gran proxecto arqueolóxico supramunicipal cos concellos do Incio, Samos e Sarria. Conta con 34 mámoas, cremos que non hai en todo o territorio nacional, nin por suposto en Galicia nin na provincia de Lugo, un parque que teña este valor. A Deputación pode ser a que lidere este proxecto, sei que así o intentará”, explicou o Alcalde. Ó final da visita, o Presidente quixo visitar este parque xunto ós Alcaldes implicados. Camiño de Santiago Tendo en conta que Sarria é Camiño de Santiago e que ostenta a presidencia da mancomunidade, o Presidente comproteuse a potencialo desde a Deputación: “Sarria é parte fundamental na conexión entre o centro e o sur da provincia. Hai proxectos nos que estamos en condicións de implicarnos como son os Camiños Xacobeos que, ademais de xogar un importante papel, xeran riqueza. A nosa atención ó Camiño de Santiago será preferente”, afirmou. Outra das visitas in situ foi á estrada cruce do Incio (Oural)- Castroncán. Este vial que da acceso a Cementos Cosmos é unha reivindicación histórica que o anterior equipo de goberno nunca cumpriu. O arranxo desta estrada é de vital importancia, xa que, todos os vehículos de transporte pesado que van á fábrica de cementos teñen que empregar esta vía. Visita a Corgo e a Láncara O Presidente da Deputación constatou nesta vista a boa acollida da nova área de cooperación cos concellos. “É unha axuda real que ata o de agora non era entendida. É importate que os Alcaldes e Concelleiros se sintan solidamente respaldados e asesorados e así mo transmitiron”, dixo. No Corgo, un concello con 4.192 habitantes, o Alcalde tratou co Presidente diferentes necesidades como a ampliación da estrada San Cristóbal-Adai (LU.106); o saneamento de Arxemil e continuación da traída de augas a San Critóbal-Laxosa; o acondicionamento do acceso de Vilanova que entronca co enlace do Corredor de Nadela-Sarria por Farnadeiros; e a construción dunha depuradora na Estrada do Hospital. No Concello de Láncara, con 3.047 habitantes, as necesidades principais que lle foron plantexadas ó Presidente foron: a construción do polígono industrial; o remate do cemiterio da Pobra de San Xillao; mobiliario necesario para a Praza do Centro do pobo. En todos os Concellos, o Presidente fixo entrega de agasallos institucionais elaborados polos artesáns que colaboran co Centro de Artesanía e Deseño. A anécdota do día estivo protagonizada polo agasallo institucional que lle entregou Claudio Garrido ó Presidente. Tendo en conta que dous dos membros da Deputación son artistas, optaron por un cadro dun pintor local. Gómez Besteiro, nada máis abrilo, xa confirmou o destino inmediato do agasallo: o seu despacho. “A miña intención é converter o despacho nun escaparate das creacións dos artistas e artesáns lucenses. Rotaremos as obras. Este cadro será unha das obras expostas”