Deputación de Lugo

Éxito de participación na primeira das visitas guiadas complementarias á exposición Rexistros Abertos

A dirección do Museo Provincial de Lugo destacou o alto poder de convocatoria obtido nesta primeira visita comentada que se realizou o pasado martes

Un “éxito rotundo” de participación, así define a dirección e o persoal do Museo Provincial de Lugo a primeira das tres visitas comentadas que se están a realizar ao abeiro da exposición Rexistros Abertos. Materias, Contextos e Narrativas da Arte Galega Actual. A comisaria da mostra, Verónica Santos, foi a encargada de acompañar os visitantes no transcurso desta primeira visita guiada que tivo lugar o pasado martes. No programa de actividades culturais complementarias á exposición prevese que as próximas visitas se realizarán os días 18 e 28 de maio, a cargo do comisario da mostra, Rafael Lens e de varios dos artistas que participan no proxecto e que comentarán a súa propia obra. Con todo, os responsables do museo salientaron que os centros de ensino que estean interesados en concertar unha destas visitas deberán poñerse contacto coa dirección do Museo Provincial. As actividades complementarias á mostra continuarán no mes de maio, o día 7, ás 19:30 horas, terá lugar unha mesa redonda titulada “Visións abertas: abordaxe a arte galega actual”. O sábado 16 de maio, Iván Prieto porá en marcha o segundo dos obradoiros experimentais no que poderán participar rapaces con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos. Ademais, na tarde do día 28, o Museo Provincial acollerá a actuación do Conservatorio de Viveiro. Lembrar pois, que esta exposición e as actividades culturais complementarias á mesma abren unha nova etapa expositiva no museo lucense, baixo a dirección de Aurelia Balseiro. A mostra Rexistros Abertos é un proxecto expositivo deseñado polo Museo Provincial de Lugo no que se pretende amosar unha serie de percepcións sobre o panorama da plástica actual en Galiza a través de creadores e obras que abren camiños de tránsito constante, ligados á arte galega contemporánea. O obxectivo final desta iniciativa é o de amosar os diversos rexistros que dan lugar a múltiples interrelacións entre os artistas e as obras representadas. Deste xeito, o museo abre a súas portas a un total de 25 artistas, consagrados e novos valores, para converter este espazo nun lugar común que permita dar a coñecer o traballo destes artistas e poñer en valor o propio Museo Provincial.