Deputación de Lugo

Adxudicado provisionalmente o programa Innova-TE á UTE Mnemo-Software AG-Fujitsu

Imaxe deputación de lugo
O procedemento de contratación do prego co maior investimento en TICs feito en Galicia estivo marcado pola transparencia e a publicidade, de tal xeito que se publicou ata 4 veces sen obter alegacións

O documento pode consultarse dende hoxe na páxina web da Deputación, no apartado “Perfil do Contratante” Na mesa de contratación estiveron presentes todos os grupos políticos, agás o PP que nin sequera desculpou a súa ausencia A Deputación vén de adxudicar provisionalmente o programa tecnolóxico Innova-TE á UTE (Unión Temporal de Empresas) Mnemo-Sofware AG-Fujitsu, logo de concluir o tempo legal establecido dende que se celebrou a mesa de contratación e a exposición pública. Esta formación será a encargada de poñer en marcha este ambicioso programa, o de maior investimento en TICs feito nunca en Galicia nun só prego, dotado con 7 millóns de euros, e que asegura a implantación en 2011da e-administración no organismo provincial e no 66 Concellos da provincia O INLUDES, organismo dependente da Deputación, aprobou a finais do pasado ano o prego para poñer en marcha a e-administración de forma global e conxunta, aforrando cartos e tempo. A continuación, a Deputación publicou a convocatoria na páxina web provincial, no Diario Oficial da Unión Europea –DOUE-, no Boletín Oficial do Estado, no Boletín Oficial da Provincia. Tamén se celebrou unha xornada informativa á que puideron asistir todos os interesados para clarificar calquera dúbida, e na que participaron unha trintena de representantes de diferentes empresas. Con anterioridade, as empresas xa tiveran a posibilidade de plantexar calquera cuestión vía correo electrónico a un departamento habilitado para tal fin na Deputación. Finalmente, o 25 de xaneiro celebrouse a mesa de contratación, na que participaron todos os grupos políticos, agás o Partido Popular que foi o único ausente. Ademais de non asistir, o PP tampouco desculpou a súa ausencia. Máxima transparencia na contratación O procedemento de contratación estivo marcado pola transparencia e a publicidade, e dende hoxe pode consultarse no apartado “Perfil do Contratante” da páxina web da Deputación. O prego foi publicado ata 4 veces e non obtivo ningún tipo de alegación nin recurso, polo que foi todo un exemplo de contratación pública, garantindo a máxima obxectividade e con independencia nas valoracións, que se conformaron cun triple filtro con grupos de técnicos e especialistas totalmente independentes. En total, avaliáronse 7 propostas refrendadas por empresas que, ben en unión temporal ou en solitario, garantizaban un elevado grao de profesionalidade e solvencia ó servizo dos lucenses. Todas comprometían unha vinculación co tecido local de empresas luguesas de tecnoloxías e servizos, así como a creación de emprego directo na provincia, un dos obxectivos que marcou dende o principio o organismo provincial. Aposta polas novas tecnoloxías Innova-TE permitirá aos cidadáns solventar dende a Internet os trámites coa administración que agora requiren presencia física. Os veciños so terán que entrar na páxina web da Deputación, ou dos seus Concellos, identificarse a través do DNI electrónico para descargar os formularios necesarios, adxuntar a documentación precisa, e facerllo chegar á administración correspondente mediante a rede. Asimesmo, este proxecto dotará ós 66 Concellos de portais de servizos, de capacidade WiFi, de ordenadores e extenderá a banda ancha, o que permitirá a ampliación e o uso das novas tecnoloxías na provincia.