Deputación de Lugo

O vicepresidente primeiro da Deputación confía en que a Xunta de Galicia manteña a colaboración nos proxectos conxuntos que atinxen á provincia

Antón Bao destacou a importancia da posta en funcionamento do Museo Nacional da Romanización para que Lugo “conte cunha proposta museográfica coherente co legado que temos o deber de conservar”

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, solicitou no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que “se manteñan e teñan continuidade no tempo” os proxectos iniciados no transcurso da última lexislatura autonómica coas distintas consellerías da Xunta de Galicia. Nesta liña, Antón Bao resaltou a importancia da posta en marcha do Museo Nacional da Romanización no antigo cuartel de San Fernando. Un proxecto impulsado de forma conxunta coa Consellería de Cultura, que asumiría a tutela dos restos arqueolóxicos atopados ao longo da xeografía lucense e que, na actualidade, se atopan nas instalacións do Museo Provincial. Os futuros proxectos do Museo de Lugo dependerán en boa medida da localización final destes restos. Con todo, o vicepresidente primeiro da Deputación lembrou que en Lugo e, máis concretamente, na súa capital os museos non dependen só da Administración provincial, senón tamén do Concello e da propia Xunta de Galicia. Por iso, Bao pediu que se definisen as funcións e os contidos de cada un destes espazos “para que Lugo conte cunha proposta museográfica coherente co legado que temos o deber de conservar e potenciar”. A maiores, Antón Bao salientou tamén que a Deputación de Lugo está a desenvolver co goberno galego outros proxectos de grande interese e importancia para os lucense, como son a implantación do cadro de parques de bombeiros ou outras actuacións, que se levarán a cabo tras a aprobación do canon hidroeléctrico. Concretamente, a Área de Cultura e Deportes desta institución puxo en marcha xunto con varias consellerías da Xunta, varios proxectos para a conservación do patrimonio material e inmaterial lucense, “plans formativos vinculados ás nosas tradicións”, así como o mantemento das instalacións e a promoción de actividades deportivas e culturais. Logo disto, Antón Bao tamén salientou a importancia dos proxectos iniciados dende a Área de Benestar Social, Xuventude e Turismo da Deputación coas consellerías da Xunta de Galicia. A xestión do bipartito na Deputación é “produtiva” e “positiva” Antón Bao non considera “extrapolables” os resultados electorais do pasado domingo 1 de marzo, ao mesmo tempo que recalca a diferenza existente entre o pacto de goberno da Deputación e o da Xunta de Galicia ao seren “institucións distintas con compoñentes totalmente diferentes”. Deste xeito, o nacionalista asegurou que “non se lle pode atribuír o descenso do número de votos que sufriron o PSOE e mais o BNG ao desenvolvemento dos acordos de goberno entre ambas forzas políticas”. No canto ao acordo de goberno vixente na administración provincial, o vicepresidente da Deputación definiuno coma “produtivo” e “positivo”. De feito, o nacionalista asegurou que o bipartito pretende “afianzar o proxecto de traballo en conxunto e impulsar a colaboración coa Xunta de Galicia e coa nova forza política que a preside”. Así, Antón Bao recalcou que o acordo de goberno existente na Deputación de Lugo “está vixente” e “san”. Cambios no programa de teleasistencia A Xunta de Goberno da Deputación aprobou esta mañá as seguintes modificacións no canto ao programa provincial de teleasistencia domiciliaria: 11 baixas, 1 suspensión temporal, 2 cambios de domicilio e 1 de titularidade, e por último, 1 reinicio do servizo.