Deputación de Lugo

O Presidente supervisa co Alcalde a rede viaria na súa visita oficial
ó Concello de Monterroso

Gómez Besteiro estreouse como pregoeiro nas festas de San Miguel

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou xunto ó Alcalde de Monterroso, Antonio Gato, e varios concelleiros do equipo de goberno a rede viaria provincial que atravesa este municipio. Este concello ten 40 quilómetros de estradas de titularidade provincial. A principal reivindicación do Alcalde foi o estado das vías da rede provincial. Precisamente a visita comezou na estrada provincial que une a parroquia de Ligonde con Monterroso, unha vía moi estreita que dificulta a seguridade vial e dos veciños da zona ademais de coincidir, en parte do treito, co Camiño de Santiago. A súa mellora é unha antiga reivindicación dos veciños que reclaman a construcción de desvíos ó seu paso por varios núcleos de poboación. Pero o Presidente da Deputación quixo tamén coñecer in situ outras vías en compañía dos membros do equipo de goberno. A renovación da estrada provincial entre Pedrada-O Coto é necesaria, xa que será o principal acceso desde Monterroso á futura autovía Lugo-Santiago. “O que me gusta deste Alcalde é que sabe o que é priorizar, sabe que é o importante e por onde debería comezar a traballar a Deputación”, afirmou Gómez Besteiro. Pola súa banda, o Alcalde destacou “que é necesario un pouco de discriminación positiva porque este municipio leva moitos anos recibindo un trato desigual”. Actos na Casa Consistorial A continuación a comitiva desprazouse á Casa Consistorial, onde o Presidente asinou no Libro de Ouro do municipio e fíxolle entrega ó Alcalde dun agasallo institucional elaborado polo Centro de Artesanía e Deseño. Á súa vez, recibiu de mans de Antonio Gato unha figura de Sargadelos, María das Batallas, cun texto de Lorenzo Varela. A xornada rematou coa lectura do pregón das festas de San Miguel de Monterroso por parte do Presidente da Deputación. Gómez Besteiro estreouse así como pregoeiro desde que foi nomeado como máximo representante provincial. O Presidente destacou a gastronomía, as paisaxes e o paso de famosos escritores por este municipio lucense.