Deputación de Lugo

Iniciados os cursos de outono de cestería 2007 que imparte
o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo

O artesán Carlos Fontales destacou a gran acollida que están a ter estes talleres

Comezaron este luns os cursos de outono de cestería 2007 que imparte o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo no Centro de Cestería situado no paseo do Rato de Lugo. Os talleres que foron presentados o pasado día 20 de setembro pola Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, están a ter unha gran aceptación entre os participantes, tal e como indicou o artesán que imparte os cursos, Carlos Fontales. Do primeiro curso, só quedou unha praza sen ocupar. Desde hoxe e ata o venres os participantes do primeiro curso están a elaborar “corazas de capelo longo”, empregando como material o xunco. O xunco é típico da provincia de Lugo e, en xeral, de Galicia, motivo polo que é reclamado por expertos de toda España que, interesados polas súas características, xa se puxeron en contacto co Centro lugués para coñecer as súas propiedades e o proceso de elaboración. Para apuntarse, os interesados teñen que poñerse en contacto co Centro de Cestería chamando ó número de telefóno 982 21 00 66. A selección establecerase en función da orde de chamada e o prazo de inscrición rematará dous días antes de que se inicien os cursos. Os días 27 e 28 de outubro impartirase o “curso de cana e vimbio”, co que se elaborará unha modalidade de cestos concreta: o cesto “pelapatacas” catalán. A terceira quenda destes talleres, que se desenvolverá desde o 29 de outubro ó 2 de novembro, inclúe a construción de cestas de cogumelos, mentres que o “curso de cestería de costelas de castiñeiro” se impartirá xa no mes de novembro os días 17 e 18. Os dous últimos cursos cos que conta esta edición son o de “cestería de láminas de madeira” e o de “cestería de vimbio, barril da eira”, que terán lugar do 19 ó 23 de novembro e desde o 26 de novembro ó 14 de decembro, respectivamente. Seis cursos Os seis cursos que se desenvolverán no último cuatrimestre do ano 2007 englóbanse a oferta do Centro de Artesanía e Deseño para este ano. Contan cun orzamento de 25.000 euros e o obxectivo é recopilar as técnicas tradicionais de cestería da provincia de Lugo e doutros puntos de Galicia para logo dalas a coñecer, conseguindo así, que a tradición e os oficios máis antigos non desaparezan. Os talleres están orientados a cesteiros profesionais, floristas, artesáns do textil, empresas de medioambiente, etc. Cada edición destaca polo seu carácter innovador, xa que, non repite ningunha técnica conseguindo que a aprendizaxe e a especialización sexa cada vez maior. Divididos en cursos de inverno, primavera, verán e outono, os participantes reciben da Deputación de Lugo todos os elementos necesarios para a súa elaboración. Deste xeito, os asistentes terán a oportunidade de traballar con materiais propios da provincia como as láminas de castiñeiro, cerdeira, salgueiro ou bidueiro, pero tamén con outros foráneos, como o esparto ou o palmito, materiais estes últimos que son típicos dos lugares mediterráneos.