Deputación de Lugo

A Deputación anticipou 4 millóns de euros ós Concellos que participan do novo
Servizo de Recadación

Os Concellos de Barreiros e Vilalba sumáronse ás novas bases de recadación provincial

Os Concellos de Barreiros e Vilalba veñen de sumarse ó novo Sistema Provincial de Recadación. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e os Alcaldes de Barreiros, José Alfonso Fuente Parga, e Vilalba, Gerardo Criado, asinaron este venres os respectivos convenios de delegación de competencias na recadación de tributos. No acto tamén participou o Deputado da Área de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato Soengas. Con estas dúas incorporacións xa son 45 os municipios da provincia que participan deste novo sistema polo que as Entidades Locais delegan, como mínimo, a recadación dos Impostos de Bens Inmobles, Actividades Económicas e Vehículos de Tracción Mecánica. Segundo os datos aportados polo Delegado da Área de Cooperación, a Deputacion anticipou 3.935.692 euros, correspondentes os primeiros 5 meses deste ano, ós 43 Concellos que xa estaban adheridos ó sistema. No caso dos de Barreiros e Vilalba ingresarán proximamente estas cinco mesualidades, que suman 553.534 euros. Cada mes a Deputación anticipará ós 45 Concellos, 893.845 euros. Beneficios para os Concellos Gato Soengas dixo que estes datos amosan o beneficio que supón para os Concellos a adhesión ás novas bases “xa que teñen liquidez todos os meses” e animou ó resto a que “procedan o máis axiña posible a tomar acordos nos respectivos plenos”. As novas bases prevén anticipos a conta do 80% da recadación prevista dividida en 12 mensualidades. Ademais, rebáixase do 6 ó 4% a taxa que recibe ó organismo provincial. Os Concellos que xa asinaron a delegación da recadación de tributros son os seguintes: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Carballedo, Castroverde, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Guntín, Láncara, Lourenzá, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Ourol, Palas de Rei, Paradela, Páramo, Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Ribadeo, Ribas do Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Quiroga, Samos, Rábade, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Vicedo, Vilalba, Xermade e Xove.