Deputación de Lugo

Antón Bao recibe os catro alumnos do Conservatorio de Música de Lugo galardoados no I Concurso Xan Viaño

Os lucenses, de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos, conseguiron varios premios neste concurso único en Galiza que tivo lugar a finais do pasado mes de marzo en Ferrol

O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, recibiu este venres no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos os catro alumnos do grao elemental do Conservatorio de Música de Lugo, logo de gañaren varios premios nas modalidades de violín e violonchelo no I Concurso Xan Viaño que organizou o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol, os días 28 e 29 do pasado mes de marzo. No acto tamén estiveron presentes varios membros do equipo directivo e do profesorado do conservatorio lucense e os pais dos alumnos galardoados. O violinista e alumno do primeiro curso do grao elemental do Conservatorio de Música de Lugo, Daniel Rodríguez, conseguiu o primeiro premio desta categoría e modalidade. Así, na categoría de terceiro e cuarto curso, Aitor López e Celta López foron galardoados co primeiro e terceiro premio, respectivamente. A maiores, Carmen Villar conseguiu o terceiro premio na categoría de segundo curso e na modalidade de violonchelo. Logo de darlles á benvida ao Pazo, Antón Bao destacou que o logro alcanzado e todo o traballo realizado por estes catro rapaces, ao tempo que aseguraba “é un orgullo para todos os lucenses contar con rapaces e rapazas tan involucrados e comprometidos co mundo da música”. Así, o vicepresidente primeiro da Deputación tamén comentou que a Área de Cultura desta entidade leva traballando durante o último ano nunha serie de proxectos que impulsen e reforcen a música en todas as comarcas lucenses. No ano 2008, os esforzos da citada área centráronse na posta en marcha duns proxectos de colaboración entre a Deputación de Lugo e os Concellos de Monforte, Vilalba e Viveiro a favor dos seus conservatorios municipais de música, na creación dunha escola de música tradicional (Tradescola) ou no apoio ás agrupacións e asociacións de música existentes ao longo da xeografía lucense. No transcurso da recepción, Antón Bao conversou de xeito distendido cos rapaces, co profesorado e cos pais dos alumnos, despois entregoulles uns agasallos. O concurso, os plans de futuro dos catro galardoados e a súa vinculación coa música foron algúns dos temas tratados na conversa. Nesta liña, o vicepresidente primeiro da Deputación salientou a importancia da posta en marcha deste proxecto único en Galiza como é o I Concurso Xan Viaño, un certame que serve para fomentar e impulsar a cultura musical entre os máis novos, asegurou. O Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol puxo en marcha este proxecto, destinado a todo o alumnado con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos e matriculado oficialmente no grao elemental - especialidades de violín, viola, violonchelo, contrabaixo, arpa e guitarra- do conservatorio ferrolán e, tamén, en calquera dos conservatorios da Xunta de Galicia de Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela. As bases do concurso establecían tres premios por categoría, aínda que finalmente todos os participantes obtiveron un galardón logo da súa participación no certame.