Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación amosa o compromiso da institución provincial para vertebrar A Pastoriza coa autovía do Cantábrico

Imaxe deputación de lugo
O Presidente provincial visitou oficialmente os Concellos de Abadín e A Pastoriza

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, amosou este xoves na Pastoriza o apoio da institución que preside para enlazar este Concello coa Transcantábrica a través da mellora rede viaria provincial do municipio. Logo de entrevistarse co Alcalde, Primitivo Iglesias Sierra, e de escoitar as principais peticións do rexedor, entre as que se atopa a construción da piscina municipal climatizada e os enlaces das estradas Carrizal-Moncelos e os dous treitos: A Pastoriza-Aguarda/Marco de Álvare-Aguarda, Gómez Besteiro asegurou que “alcanzamos un acordo no que as prioridades con este Concello son, en primeiro lugar, deixar claro que a Deputación asume como propio o compromiso coas piscinas municipais e, en segundo termo, reiterar a nosa vontade para levar a cabo as actuacións de mellora na rede viaria que lle interesan ós veciños”. A estrada de Carrizal a Moncelos, de 4 quilómetros de lonxitude, foi adxudicada polo anterior equipo de goberno por un importe de 745.200 euros e un prazo de execución de 11 meses. No caso dos treitos A Pastoriza-Aguarda, de 3,450 quilómetros, e Marco de Álvare- Aguarda, de 4,050 quilómetros, foron aprobados por un importe de 731.612 euros cada un. Neste senso, o titular provincial destacou “que se tratan de dúas obras importantes que permitirán comunicar o Concello pastoricence coa Autovía do Cantábrico”. Gómez Besteiro loubou o interese do rexedor municipal por mellorar as comunicacións da Pastoriza coa Transcantrábrica, xa que vai deixar moi ben situado a este Concello, convertíndoo no destino parcial dos moitos usuarios que terá a vía de alta capacidade”. O Presidente da Deputación destacou o potencial agrogandeiro do municipio ó tempo que incidiu na importancia de que os Alcaldes prioricen os obxectivos dos seus Concellos. “Agrádame saber que o Alcalde ten como obxectivo a mellora das comunicacións do Concello. Hai que pensar no futuro e a chegada da autovía do Cantábrico será unha marea de riqueza para a provincia, ó igual que o serán os 600 quilómetros de autovías cos que contará Lugo nos próximos 7 anos”. Pola súa banda, o Alcalde da Pastoriza amosou a súa satisfacción pola visita do Presidente da Deputación ó Concello. “É un motivo de grande honra recibir a primeira visista oficial dun Presidente da Deputación, algo que semellaba case imposible fai un ano, e hoxe viuse que é unha realidade”. Primitivo Iglesias Sierra sinalou que un dos obxectivos do Concello é consolidarse como forza política, así como pola súa actividade agrogandeira, xa que este Concello conta cunha gran produción láctea. “En total, existen na zona 22.000 productores de leite polo que estamos sentando as bases para que este Concello se manteña e siga sendo un dos municipios máis destacados en toda Galicia a nivel agrícola e gandeiro”. Visita Concello Abadín Previamente, o Presidente provincial visitou o Concello de Abadín donde foi recibido polo Alcalde, José María López Rancaño, e polos membros da Corporación. López Rancaño solicitou a colaboración da Deputación para a construción do polígono industrial, así como para o arranxo da estrada provincial que vai desde Corbite a Aldixe ó seu paso por Barroncelle. Os traballos comprenden o anchamento da ponte e o bacheo da estrada. Visita Institucional José Ramón Gómez Besteiro foi presentado ás Corporacións de ámbolos dous Concellos. Asinou nos Libros de Ouro dos Concellos e agasallou ós Alcaldes con candasúa bufanda de seda e unha peza de cerámica deseñados polo Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación de Lugo. Pola súa banda, recibiu diversos presentes por parte dos seus anfitrións.