Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo solicita catro proxectos europeos por un importe de 23.471.000 europeos

O titular da Deputación presentou o proxecto LugO2 que “pon en valor a riqueza medioambiental da provincia”

A Deputación de Lugo solicita catro proxectos europeos por un importe de 23.471.000 euros. Estas iniciativas inclúense dentro das axudas dos fondos FEDER e Fondo Social Europeo para o periodo 2007-2013. Estarán xestionados polo Ministerio de Administracións Públicas (MAP), de xeito o 70% será aportación europea e o 30% restante provincial. Así, o anunciou o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen destacou que “co novo financiamento europeo a Deputación debe competir con outras administracións por unha bolsa común, o que nos obriga a presentar proxectos de maior calado que mellorarán a situación da provincia”. Os fondos FEDER sustitúen ó antigo Plan Operativo Local, que partía dun criterio territorializado destinado, fundamentalmente, ó mantemento de infraestruturas da rede viaria provincial. Neste senso, Gómez Besteiro, indicou que o POL “é xa unha realidade pasada”. Para o Presidente provincial “o novo sistema de fondos europeos correspóndese coa filosofía manifestada polo equipo de goberno, baseada no medio ambiente e nas novas tecnoloxías”. No acto no que tamén participaron a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, o titular da Deputación presentou o proxecto medioambiental Lug02. Trátase dunha iniciativa que prevé un orzamento de 7.235.000 euros, dos que o 70% (5.064.500 euros) serían financiados polo MAP e o 30% (2.170.500 euros) pola Deputación. Deste xeito, para Gómez Besteiro, o proxecto “dá conta da riqueza medioambiental que existe na provincia e que a Deputación quere preservar e potenciar”. O máximo mandatario provincial incidiu en que no caso de non acadar a aprobación do MAP, “o máis importante é que a nova situación marca un criterio político”. Gómez Beseiro lembrou que máis do 55% do territorio provincial está declarado pola UNESCO Reserva da Biosfera, “un valor en si mesmo que queremos potenciar e ampliar, xa que 37 Concellos incluídos nas Reservas Terras do Miño, Ancares e Terras de Burón, así como no espazo natural do Courel conteñen as zonas medioambientais máis prezadas”. Co obxectivo de poñer en valor o medio ambiente, tal e como explicou o Presidente da Deputación, Lugo O2 pretende fomentar o uso das novas tecnoloxías entendo “os entornos naturais como unha oportunidade para o desenvolvemento econónomico da provincia”. Neste senso, “traballarase na recuperación dos oficios tradicionais, na profesionalización dos destinos medioambientais e na potenciación dos protutos autóctonos”. Outra das liñas de acción iría encamiñada á mellora do entorno natural a través do aproveitamento da biomasa forestal, da reducción do impacto xerado polas actividades agrícolas e da sensibiliazación medioambiental, a través da creación de Aulas de Interpretación da Natureza, material educativo, etc. Proxectos INLUDES Pola súa banda, a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou os dous proxectos cos que o INLUDES opta á concesión de fondos europeos: Innova-TE e Lugo-pacto provincial polo emprego. O primeiro está incluído dentro dos fondos FEDER e o segundo, nas axudas do Fondo Social Europeo (FSE). Neste senso, Lara Méndez indicou que “non podemos deixar pasar este tren que nos permitirá seguir avanzando no desenvolvemento da provincia”. O orzamento total de ámbolas dúas iniciativas que, contemplan actuacións nos 66 Concellos da provincia, agás no de Lugo por ser o único que supera os 20.000 habitantes, ascende a 13.156.533 euros. As principais liñas de acción xiran entorno á aplicación das novas tecnoloxías no ámbito administrativo para mellorar o acceso dos cidadáns á información e á cooperación conxunta entre administracións, e axentes económicos e sociais para favorecer a inserción laboral. Neste senso, a Vicepresidenta Segunda destacou que “deste xeito contribuiremos a fixar poboación nunha provincia que conta cunha gran dispersión xeográfica e que sofre unha gran perda de habitantes, sobre todo, nos Concellos máis pequenos”.