Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación participou na presentación dun manual de protocolo para nenos

A publicación contén as principais normas de educación para escolares de 4 a 11 anos

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este martes na presentación do “Manual de Educación. Protocolo Social para nenos e nenas” que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. O libro, que está editado en tres idiomas: galego, castelán e inglés, contén as principais normas de educación que deben adquirir os nenos e as nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos de idade. Lara Méndez destacou a importancia do manual “porque cando falamos de educación e de bos modais débese empezar polos máis cativos”. Esta é a primeira edición deste libro que conta, ademais, cunha guía práctica que lle facilita ós rapaces unha mellor adquisición de habilidades sociais como a naturalidade ou a prudencia. “Non podemos esquecer que os nosos fillos son o espello do que ven, por iso é necesario que se establezan medidas axeitadas para que os cativos adquiran habilidades sociais de acordo cos cánons que indica a sociedade”, engadiu a Vicepresidenta Segunda da Deputación. Lara Méndez felicitou tanto á autora, María del Mar Castro Maestre, como ó equipo creador do manual ó tempo que lles brindou toda a colaboración da Deputación para vindeiras edicións. Neste senso, sinalou que o novo equipo de goberno “está abrindo esta institución a todos os que, como vostedes, levan a cabo proxectos que serven para mellorar a convivencia entre os cidadáns. Como di ó lema do equipo de goberno, SUMANDO ESFORZOS, é a única maneira de que consigamos o mellor para a nosa sociedade”.