Deputación de Lugo

A Deputación estará presente por primeira vez na feira de artesanía Artenadal

A feira abre as súas portas por sexto ano consecutivo para vender o traballo de 22 artesáns

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este xoves na presentación de Artenadal que abre as súas portas este venres, 21 de decembro. A feira, que este ano chega á súa sexta edición, está organizada en colaboración pola Concellería de Cultura, a Deputación de Lugo, a Consellería de Innovación e Industria e a asociación Artimaña. Trátase da primeira vez que o organismo provincial colabora con esta iniciativa. “Na promoción da artesanía da provincia, sobran eloxios. É unha feira consolidada que permite preservar o oficio dos nosos artesáns”, indicou a Vicepresidenta segunda quen destacou que “a Deputación estará nos sitios donde haxa que fomentar a artesanía provincial”. A Praza da Soidade acollerá esta feira de Artenadal entre o 21 de decembro e o 5 de xaneiro e manterá abertas as súas portas entre as 11:00 e as 14:30 horas pola mañá e as 17:00 e as 21:30 horas. Este ano destaca o aumento do número de artesáns, que ascende a 22, dous máis que o ano pasado, e que proveñen de puntos de toda Galicia, de Asturias, e de Castela e León. Nun total de 18 postos, un máis que o ano pasado, presentaranse propostas artesanais moi sorprendentes e innovadoras, ó tempo que se manteñen os estilos máis clásicos da artesanía, como son os traballos en cerámica, en prata ou en coiro. Destacan pola súa orixinalidade unhas pezas realizadas con cravos de ferraduras, e que un ano máis os lucenses poderán atopar produtos de gran calidade elaborados en materiais moi variados, desde o barro ata o cobre ou a alpaca, e destinados a todas as idades. Tamén, os máis pequenos, e os que non renuncian aos xogos, poderán atopar xoguetes artesanais. Este ano, recibíronse moitas solicitudes de participación o que facilitou que se renoven máis da metade dos mestres, o que da oportunidade a novos artesáns de achegar os seus traballos ao público e, ademais, proporcionarlle aos lucenses a oportunidade de descubrir novos produtos. A bisutería, a roupa de tecidos elaborados a man, pezas exquisitas e orixinais estarán presentes nesta feira que mañá abre as súas portas ata o día 5 de xaneiro, excepto os días 25 de decembro e o 1 de xaneiro.