Deputación de Lugo

A Deputación destina 745.000 euros ó desbroce das estradas provinciais

O Presidente provincial asinará proximamente os convenios cos Alcaldes dos 21 Concellos que realizarán directamente os traballos de roza

A Deputación de Lugo destina este ano 754.268 euros ó desbroce das estradas provinciais. Desta cantidade, 246.529 euros irán para os 21 Concellos que optaron por asumir directamente a xestión destes traballos, e 498.738 euros empregaranse na contratación, por parte da Deputación, das empresas que realizarán a roza nos outros 46 municipios, que se dividen en 6 zonas. O voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato Soengas, destacou o feito de que por primeira vez se dera a posibilidade ós Concellos de xestionar directamente a roza das vías. “Este é un novo sistema de Cooperación que vai ser máis aficaz porque ninguén mellor que as propias Entidades Locais para saber como se atopan as estradas dos seus termos municipais”. A Xunta de Goberno aprobou este venres tanto o modelo do convenio que asinará proximamente os Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, cos Alcaldes dos 21 Concellos, como os pregos das cláusulas administrativas que rexerán os contratos que realizará a Deputación. Os 21 municipios que realizarán a roza (Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Chantada, Foz, Láncara, Monforte de Lemos, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol, O Páramo, PedraFita do Cebreiro, A Pontenova, A Pobra do Brollón, Pol, Quiroga, Riotorto, Samos e Sarria) suman un total de 1.348 quilómetros de estradas provinciais. Polo que se refire ós outros 46 municipios, contan cun total 2.805 quilómetros. Antonio Gato dixo que “estamos seguros de que o ano que vén participarán moitos máis Concellos desta iniciativa”. Sinalou que terán un prazo de dous meses para realizar os traballos de desbroce. Outros acordos da Deputación A Xunta de Goberno tamén aprobou as contas xustificativas de cinco obras incluídas no Plan de Cooperación coas Comunidades Veciñais de 2007. Os proxectos supuxeron un investimento de 35.838 euros, dos que a Deputación subvencionou 26.877. Por outra banda, acordouse a resolución do contrato coa empresa Construcciónes Leal y Villamor, S.L. para a execución das obras de anchamentO e mellora dun treito de dous quilómetros da estrada provincial Santa María de Vilamaior- Monforte, no termo municipal de Sarria, correpondente ó POS 2005. Ademais aprobáronse as propostas relativas á contratación da subministración de material de oficina para os distintos Servizos da Deputación así como de diversa papelería con sero oficial. No primeiro caso o prezo máximo é de 92.800 euros e no segundo, de 32.600, aínda que se seleccionarán as ofertas economicamente máis vantaxosas.