Deputación de Lugo

O Plan Urban de Lugo pon en marcha axudas para os comerciantes e hostaleiros por un importe de 300.000 euros

O Alcalde de Lugo e a Concelleira de Economía e Emprego explicaron as medidas na Mesa Local de Comercio

As axudas da primeira fase poderánse solicitar ata o 17 de abril deste ano O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, informaron sobre a convocatoria de subvencións que fai o Plan Urban de Lugo aos hostaleiros e comerciantes da zona centro. Trátase dunha liña de axudas que permitirá unha inxección económica para todos aqueles hostaleiros e comerciantes da zona Urban que as precisen nun momento de crise coma o actual. Pon en movemento 300.000 euros para a mellora de aspectos que condicionan en gran medida a paisaxe urbana das rúas máis comerciais do recinto histórico, que son as que engloba o Plan Urban. No encontro, no que tamén participou a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, o Alcalde de Lugo destacou a importancia desta zona para o resto da cidade, xa que se trata dun importante motor económico e dun atractivo central para o turismo. “As melloras desta zona sempre repercutirán positivamente na economía lucense, por iso é importante incentivar a mellora estética do centro”. O Concello pon así en marcha unha liña de financiamento a fondo perdido para a adquisición de mobiliario para as terrazas, instalación ou cambio de rótulos e toldos de locais de negocio e a remodelación de fachadas. Actuacións A responsable de Economía e Emprego, Sonia Méndez, destacou a importancia de que todas as propostas foron “consensuadas co sector. Queremos e debemos contar con eles para que isto saia ben”. A necesidade de implicación da cidadanía tamén foi suliñada polo mandatario lucense. As actuacións divídense en tres liñas: - Liña A: Mobiliario de terrazas: adquisición de mobiliario destinado ás terrazas dos establecementos hostaleiros, incluíndo mesas, sillóns, calefactores, elementos de división, parasoles e toldos. A Oficina de Urban seleccionou de forma consensuada, uns modelos tipo cunhas características definidas e que permitirán o acceso a persoas con diversidade funcional. -Tamén fixa os elementos de división ou cortaventos. Terán perfiles a xogo co modelo de mesa e sillón elexidos, con cristais de seguridade en toda a súa altura. - Toldos: Urban subvencionará a instalación completa (estrutura e tela) ou só a sustitución da tela. - Sombrillas: serán cadradas ou rectangulares, sen chafláns nin faldóns. A cor que se consensuou cos beneficiarios das axudas foi a cor area, empregada en numerosas cidades de Galicia e de fóra dela. - Liña B: Rótulos e toldos de fachada: Instalación ou cambio de rótulos e anuncios de locais en planta baixa que dean á vía pública Non se subvencionarán banderolas (anuncios perpendiculares ao plano de fachada). A concesión da axuda leva consigo o compromiso de non instalar os elementos non subvencionados (iluminación e banderolas) no prazo mínimo de catro anos. - Liña C de Fachadas: Inversións para a adecuación de fachadas de locais de negocio accesibles e visibles desde a rúa, situados en planta baixa aínda que a intervención se pode estender a pisos superiores se a actividade ocupa todo o edificio ou unha parte que poida ter un tratamento independente. A axuda será do 50% do total dos gastos para as pequenas empresas e do 40% para as medianas, sendo o importe máximo da axuda de: Liña A: Importe máximo de 8.000 euros Liña B: Importe máximo da axuda de 4.000 euros Liña C: Importe máximo da axuda por metro cadrado de fachada tratada de 150 euros. Cada local poderá percibir unha axuda máxima de 10.000 euros que se pode incorporar a calquera outra axuda. López Orozco sinalou que neste senso “espera que a Xunta de Galicia se una a este proxecto con nós, e facilite subvencións ao sector que sexan compatibles con esta, e permitan axudas de ata o 100%. Apostamos polo comercio e a hostalería lucense e esperamos que se impliquen o resto de administracións”. Os prazos, divídense en tres fases ata o 17 de abril de 2009 nunha primeira fase, ata o 19 de xuño na segunda e ata o 2 de outubro na terceira. Na xuntanza da Mesa Local estiveron presentes ademais do alcalde e a Concelleira de Economía e Emprego, a Vicepresidenta segunda da Deputación provincial, Lara Méndez, o representante da Federación Galega de Comercio, José Sánchez Bergantiños, e o Presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostelería, José Francisco Real. Plan Urban Lugo conseguiu o Urban o pasado 11 de xuño, e fíxoo na súa cantidade máxima: algo máis de 16 millóns de euros, procedentes do propio Concello, dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, FEDER e de aportacións da Deputación Provincial de Lugo e da Xunta de Galicia. A Vicepresidenta segunda de Deputación, Lara Méndez, destacou o papel de suma que realiza o ente provincial “cada aposta pola cidade supón unha aposta implícita pola provincia. Se Lugo, a poboación con máis habitantes, segue nesta senda da modernización, será positivo para toda a provincia”. O obxectivo que se marcou dende o principio foi revitalizar e dinamizar o centro histórico e recuperar un edificio emblemático da cidade como é o vello cárcere. A obtención do Urban foi motivo aínda de maior satisfacción para Lugo, se temos en conta que das 102 cidades que se presentaron só 43 o conseguiron, e o de Lugo foi considerado como un dos proxectos mellor valorados de entre todos os presentados. Sen dúbida, un recoñecemento ao esforzo e traballo conxunto de todas e todos os lucenses.