Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación defende a ordenación do territorio como un dos principios básicos para conseguir unha provincia sostible

Gómez Besteiro participou nas xornadas sobre construción sostible organizadas polo GrupoVilares

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, participou este venres na mesa redonda que pecha as Xornadas Paralelas sobre Construción Sostible” organizadas polo GrupoVilares. Gómez Besteiro sinalou que un dos compromisos do equipo de goberno é a introducción do principio de corresponsabilidade entre a Deputación e os Concellos para que estes últimos delegen responsabilidades no organismo provincial. “Non se trata de que a Deputación teña máis diñeiro senón que os municipios transfiran competencias para mellorar o seu funcionamento”, indicou o máximo mandatario provincial. O 55% do territorio provincial está declarado pola UNESCO Reserva da Biosfera. Neste senso, o titular do organismo provincial destacou que “somos conscientes da importancia que ten o medio ambiente para unha provincia que conta con máis de 6.000 quilómetros cadrados de espazo natural protexido. Por iso debemos superar a idea de localismos e de que cada Concello mire cada un para seu lado”. Deste xeito, o máximo mandatario provincial sinalou que a “cooperación cos Concellos debe ser constante en materia de medio ambiente”. Puxo como exemplo o municipio Guitiriz, que elaborou un Plan Xeral de Ordenación Municipal pensado na preservación medioambiental. Neste senso, lembrou que a Deputación actuará como fío condutor para os municipios da provincia para que delegen no organismo provincial a xestión da recollida de envases lixeiros que realizará a Sociedade Ecoembes, “servizo que fará máis efectivas a rutas de recollidada selectiva”. Asimesmo, o titular da Deputación destacou que coa futura construción das autovías A-8 e Lugo-Santiago-Ourense “o mantemento da rede provincial é esencial para que a provincia sexa sostible. Por tanto, é importante que se produza unha xerarquización da rede viaria provincial”. Lugo é a segunda provincia galega que presenta un maior consumo enerxético industrial, o que sitúa ás empresas luguesas nunha clara desvantaxa competitiva de importantes dimensións. “Consumimos 200 veces máis do que deberiamos, polo que mirar cara o medio ambiente e analizar como se deben preservar entornos naturais como os do Courel, Terras do Miño ou Río Eo,-Oscos-Terras de Burón é fundamental. Neste senso, os fondos europeos deben estar reorientados a proxectos coma estes nos que se impliquen os municipios da provincia”. Na mesa redonda, celebrada no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia e na que tamén participaron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Presidente do Colexio Superior de Arquitectos de España, Carlos Hernández Pezzi e a Profesora da Universidade Politécnica de Madrid, María Asunción Leboreiro, déronse cita arquitectos, urbanistas e constructores da provincia que, unha vez rematadas as intervencións dos ponentes, puideron preguntar todo tipo de cuestións relacionadas coa sostibiliade e coa ordenación do territorio ós conferenciantes.