Deputación de Lugo

A Deputación aportará 275.000 euros para os catro
centros da UNED de Lugo, a Mariña e Monforte

O vicepresidente primeiro da Deputación comprometeu hoxe o apoio da institución provincial no financiamento do novo centro de Lugo, así como das aulas xa existentes en Foz, Viveiro e Monforte.

No Pleno da Deputación deste mes aprobarase o convenio que materializará a creación do Consorcio do centro asociado da Universidade a Distancia de Lugo. LUGO, 11 DE DECEMBRO. O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, presentou hoxe en rolda de prensa a próxima sinatura do convenio que materializará a creación do Consorcio do Centro Asociado da UNED de Lugo. Este Consorcio estará formado pola Deputación, o Concello de Lugo e a UNED e recibirá o nome de Consorcio Universitario Centro Asociado da UNED en Lugo. A sinatura deste convenio é froito das negociacións levadas a cabo pola Deputación e polo Concello de Lugo que tras varias xuntanzas, e unha vez pechados temas fundamentais respecto da ubicación e da implicación dos axentes económicos, conseguiron que o próximo curso o centro da UNED en Lugo sexa unha realidade. A posta en marcha deste centro da UNED en Lugo permitirá que máis de 1.000 lucenses que na actualidade cursan estudios noutros centros da Universidade a Distancia poidan facelo na capital lucense. Así mesmo as Aulas Universitarias dependentes do Centro Asociado de la UNED de Viveiro, Foz e Monforte de Lemos, que ata o de agora eran dependentes dos centros da UNED de A Coruña e Ourense, pasarán a depender do centro de Lugo, creándose así unha rede da Universidade a Distancia nas distintas comarcas de Lugo. Asimesmo este convenio deixa a porta aberta para a posible creación de Aulas Telemáticas da UNED en pequenas poblacións. Para o financiamento deste Centro Asociado da UNED de Lugo contarase coa participación das entidades que, días pasados, manifestaron o seu apoio ao proxecto nunha xuntanza. Estas entidades serán, ademais da Deputación , o Concello e a propia UNED, Caixa Galicia, Caixanova, CEL e Cámara de Comercio e participarán no proxecto integrándose no Padroado do centro. Ainda que a día de hoxe non están definidas as cantidades que aportará cada unha das entidades participantes, estímase que o montante total será duns 800.000 euros anuais, dos que a Deputación aportará 200.000, segundo anunciou hoxe o vicepresidente primeiro, Antón Bao. O resto do orzamento será cuberto coas aportacións das distintas Administracións e organismos participantes. A Deputación colaborará na financiación económica para o mantemento das aulas xa existentes nos concellos de Foz, Viveiro e Monforte que hoxe non contan con ningún tipo de apoio económico da Deputación e son costeadas polos propios Concellos. Antón Bao anunciou 25.000 euros para cada unha das tres aulas existentes.