Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación invitou ó Conselleiro
de Medio Rural a participar no centro de recría
de gando da Granxa Gayoso Castro

Besteiro aposta pola colaboración institucional nos temas estratéxicos da provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo esta mañá en Santiago de Compostela o seu primeiro encontro oficial co Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, para facer á Consellería partícipe do ambicioso proxecto que está a poñer en marcha o organismo provincial para a Granxa Gayoso Castro (Castro de Rei). Trátase dun centro de recría de gando vacún -o único destas características en Galicia-, unha iniciativa que está a xerar moita expectación no sector agrogandeiro e que vai revolucionar o campo galego. Besteiro invitou á Consellería de Medio Rural a participar neste proxecto, aberto á colaboración doutras entidades e administracións como é o caso da Universidade de Santiago de Compostela, que xa amosou o seu interese no centro, ou o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino. “Creo que foi unha reunión moi cordial que pivotou, especialmente, ó redor dun tema estratéxico para a nosa provincia. En beneficio das cooperativas e, en definitiva, do sector agrogandeiro e a economía lucense, creo que sería moi positivo que Medio Rural participase no noso proxecto e traballemos en liñas e fórmulas comúns”, afirmou o Presidente da Deputación. Para Gómez Besteiro, é importante aplicar tamén a ese sector a nova filosofía da Deputación provincial: “Eu creo que nos temas importantes non podemos solaparnos, a cidadanía non entendería que as administracións fagan os mesmos proxectos cada un pola súa conta. Queremos traballar onde fagamos falta e outros non podan chegar, como as políticas que estamos a seguir, por exemplo, na Sociedade Urbanística Provincial”. Un centro pioneiro Tal e como anunciara Gómez Besteiro, a Deputación de Lugo creará un centro de recría na Granxa Gayoso-Castro no ano 2009. Trátase dunha actuación que se enmarca dentro da aposta de apoiar a rendibilidade das explotacións agrarias da provincia. Ademais evitará o problema real de falla de infraestruturas e de man de obra rural, converténdose nun centro rendible para todo o sector agrogandeiro da provincia, pioneiro no eido da investigación e da innovación. Este centro de recría disporá de 2.000 a 4.000 cabezas de gando e conta con 4 millóns de euros. Estará financiado pola Deputación de Lugo, ainda que esta busca outras alianzas estratéxicas con administracións e entidades. Será un centro pioneiro no eido da investigación, da xestión, de administración e de colaboración. Ata o de agora os gandeiros da provincia tiñan que ir fóra, concretamente á granxa As Neves de Zaragoza, para ter este servizo de recría de novillas, cun gasto aproximado de 70-80 euros mensuais por cabeza, supoñendo un custe total de 1.300 euros, e con problemas para o gando debido á diferente climatoloxía. Deste xeito, o novo centro contribuirá a que ese valor engadido que se perde cando as nosas novillas van a Zaragoza, repercuta aquí. Ademais os animais non sufrirán polos cambios do tempo, outra das preocupacións que hoxe teñen os gandeiros.