Deputación de Lugo

27 Concellos da provincia asinarán ó convenio do novo sistema de recadación de impostos
da Deputación

O organismo provincial enviou cartas a todos os Concellos para ofrecer asesoramento xurídico

Un total de 27 Concellos da provincia de Lugo asinarán o luns, día 11, o convenio consistente na nova delegación en materia de recadación de tributos proposta polo goberno provincial. Así o anunciou o voceiro provincial socialista e Deputado responsable da Área de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato Soengas, quen indicou que “o novo sistema contribuirá a que o servizo funcione mellor, sexa máis eficiente e actúe como un instrumento ó servizo dos Concellos”. Os municipios que asinarán os respectivos convenios serán Baralla, Guitiriz, Becerreá, Lourenzá, Portomarín, Begonte, Monterroso, Quiroga, Carballedo, Muras, Rábade, Castroverde, Palas de Rei, Ribadeo, Cervantes, Pol, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, A Pobra de Brollón, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela, O Saviñao, Tabeada, O Viñedo, Xermade e Xove. O voceiro provincial socialista indicou que logo da sinatura e da posterior publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) “a Deputación estará en condicións de transferir á conta o primeiro anticipo correspondente ó mes de febreiro”. Gato Soengas lembrou que este proceso de restruturación do novo servizo de recadación de tributos foi aprobado e aceptado por unanimidade polas tres forzas políticas no Pleno da Deputación. Incidiu na importancia de que os Concellos delegen no organismo provincial este servizo para que no prazo dun ano se poida rebaixar a taxa fixada ata o 2% e así “liberar ós municipios de recursos humanos que están adicados a esta tarefa de recadación”. Servizo de Asistencia Xurídica O Deputado da Área de Cooperación cos Concellos deu conta ademais dunha nova vía de colaboración cos municipios. Neste senso, Gato Soengas anunciou que xa se enviou unha comunicación ós 67 Concellos a través da cal a Deputación ofrece asistencia xurídica co fin de levar a cabo cuestións administrativas de acordo coa nova lei de contratos. Este servizo contempla a verificación da función dos traballadores que actúan como representantes das persoas xurídicas. O voceiro provincial socialista indicou que “hai que bastantear estes poderes para ver se estas persoas teñen competencias suficientes para asinar os contratos correspondentes”. Asimesmo esta prestación tamén ofrece a posibilidade de legalizar os avais e certificados de seguros “para perfeccionar os contratos que se asinan coas distintas administracións”, indicou Gato Soengas. Outros acordos da Xunta de Goberno Por outra banda, na Xunta de Goberno celebrada este venres aprobouse por un importe de 506.385 euros a prórroga de varios contratos relativos ó mantemento dos edificios de Santa María (INLUDES), Pazo de San Marcos, Centro Residencial e Rehabilitador de San Rafael de Castro Riberas de Lea, así como ó servizo de vixianza dos distintos edificios dependentes da Deputación e ó desenvolvemento da programación de actividades da Rede Museística Provincial. Os contratos que remataron o 31 de decembro de 2007 prorrogarase por 3 meses con posibilidade de prolongalos ata 6. Gato Soengas indicou que o que se está facendo “é traballar na confección da nova base de contratación que sustentará os novos concursos que serán anunciados ás empresas e ós traballadores correpondentes”.